Arzúa adxudicou a reforma da chamada Casa do Peregrino

O obxectivo desta actuación é volver a pór en uso o edificio, actualmente moi descoidado
Rehabilitación
Claudina Estévez
Estado actual da Casa do Peregrino de Arzúa, que se atopa en desuso dende hai varios anos. Foto: Concello de Arzúa

O goberno municipal do Concello de Arzúa, conformado por Alternativa por Arzúa e PSdG-PSOE, levou á aprobación da xunta de goberno, celebrada o pasado venres, a adxudicación das obras de reparación e mantemento da coñecida como Casa do Peregrino, que está situada no lugar do Río Vello.

A actuación foi adxudicada á empresa Groma Obras, S.L. por un importe de licitación que ascende a 70.645,20 euros (financiados cun POS da Deputación) e conta cun prazo de execución de seis meses. Na actualidade a coñecida como Casa do Peregrino, situada no Río Vello, atópase sen uso algún presentando un estado de descoido importante, tras permanecer varios anos sen ser obxecto de mantemento e reparación algunha. A construción segundo a ficha catastral data do ano 1980, aínda que segundo as pescudas efectuadas a súa antigüedade é superior.

Nalgún tempo esta construción albergou a escola municipal de música ata que anos despois foi desprazada para a casa de cultura, pasando esta a funcionar como albergue municipal. Debido ao seu mal estado deixa de funcionar como albergue, permanecendo pechado ata o día de hoxe.

Begoña Balado, concelleira de Obras, explicaba este luns que a pretensión do goberno municipal “é agora a súa recuperación, efectuando as obras de reparación e mantemento consideradas necesarias e imprescindibles para poñela en uso e evitar así que continúe o seu deterioro”.

As actuacións recollidas na memoria valorada Reparación e mantemento da antiga Casa do Peregrino e cuxa adxudicación foi aprobada na xunta de goberno do pasado día 30 de setembro, corresponden fundamentalmente con obras de reparación e mantemento do inmoble para evitar desta forma o seu continuo deterioro.

Serán necesarias obras de reparación fundamentalmente a nivel de cubertas, carpinterías exteriores e interiores e acabados interiores (redistribución de aseos), e facer tamén as tarefas necesarias de limpeza e posterior pintado de fachadas. Nos traballos que se proxectan non se pretende modificar o volume existente, polo que permanecerá tal e como está o volume e os ocos de fachadas. Exteriormente preténdese executar traballos e saneamento e drenaxe e unha rampla de acceso co fin de que este local conte con accesibilidade. A concelleira de Obras, Begoña Balado, explicou que “estamos estudando o uso que se lle pode dar ao inmoble unha vez se rehabilite, definirase en función das necesidades que se observen”.

Hai que lembrar que tamén está pendiente de estrearse, aínda que neste caso xa está totalmente rehabilitada, a Casa de Correos, agora convertida nun local de uso público para acoller actividades de tipo cultural.