Xa están rematadas as obras de rehabilitación da Casa de Correos, que agora é un edificio de uso público destinado a actividades culturais // O proxecto centrouse na recuperación da construción orixinal e elimináronse os engadidos posteriores // Os traballos arrancaron en xaneiro de 2021 TEXTO Claudina Estévez

Arzúa borra un “pendente” da lista

Rehabilitación
Claudina Estévez
Estado actual da antiga Casa de Correos de Arzúa, que é agora un edificio de uso público destinado a actividades culturais. Foto: C. Arzúa

As obras na Casa de Correos de Arzúa arrancaban en xaneiro de 2021 e facíano despois de que o proxecto pasase anos esquecido nun caixón. Agora, por fin, os traballos chegaron o seu fin e o Concello xa pode borrar unha cousa máis da lista de “pendentes”. De feito o pasado xoves achegábase ata o municipio a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para asistir á entrega da obra de rehabilitación da antiga Casa de Correos. O proxecto contou cunha achega de 600.000 euros do Ministerio de Transportes, Movilidade y Agenda Urbana (MITMA). Dende o goberno local lembran que o inmoble é do Xacobeo, pero foi o Concello o que decidiu investir esa subvención do entón Ministerio de Fomento na reforma.

Os traballos consistiron na rehabilitación e a conversión da antiga Casa de Correos de Arzúa, sita na rúa das Dores, nun edificio de uso público destinado ás actividades culturais. O proxecto centrouse na recuperación da construción orixinal, eliminando os engadidos posteriores que se fixeron e adaptando o edificio á normativa vixente e ao seu novo uso como centro cultural, con actividades relacionadas co Camiño de Santiago e a súa interacción en Arzúa onde conflúen os trazados (Camiño do Norte e Camiño Francés), e con outros usos culturais.

As intervencións inclúen o acondicionamiento do xardín, que quedou incorporado á rede de espazos libres da vila, e a conexión dun itinerario que conecta tanto ese novo espazo público co xardín do albergue de peregrinos e o acceso á Capela da Madalena. Os traballos tamén contemplaron o tratamento do entorno, ofrecendo solucións de continuidade. E é que coa eliminación dos aseos construídos na fachada posterior, o histórico inmoble amosa un acabado continuo.

Hai que lembrar que os labores de mellora víronse afectados durante o seu desenvolvemento ao descubrirse restos arqueolóxicos no xardín e na planta baixa do edificio. En abril de 2021 coñecíanse os achados, apenas tres meses despois de que arrancaran as obras. Isto obrigou a modificar o proxecto e demorouse a súa execución. Por certo que de momento, segundo indicaron fontes municipais, aínda non hai data para a estrea do edificio con actividades culturais. Con todo, o novo edificio xa é unha realidade.