Arzúa foi a embaixadora dos queixos galegos en Trujillo

Participou coas marcas Barral, Verbas e Galmesán na feira da cidade cacereña en representación da comunidade de Galicia
Produtos locais
María Rendueles
O presidente de Extremadura, Fernández Vara, visitou o stand de Arzúa. Foto: Concello

Arzúa estivo presente na trixésimo quinta edición da Feira Nacional do Queixo de Trujillo (Cáceres), dende o 29 de abril ao 2 de maio, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia. As Queixería Barral, Queixos Verbas e Galmesán compartiron co público todo o seu saber e tradición a través do gran protagonista, o queixo.

A relación de Arzúa con Trujillo vén de lonxe, xa que son dous concellos irmandados, cun protagonista común: o queixo. En palabras de Begoña Balado, concelleira de Turismo de Arzúa, “estar presente nun acto como este e representar a Galicia foi unha honra. Arzúa é a Terra do Queixo na nosa comunidade e queremos compartir con todo o mundo un dos nosos principais activos turísticos”.

A feira, que volveu a desenvolverse no seu formato habitual prepandémico, tivo unhas características similares ás dos anos anteriores á pandemia. Para degustar algún dos queixos foi necesario adquirir unha tarxeta de 5 euros, coa que cada visitante tivo dereito a oito degustacións nos 100 expositores situados na Praza Maior. Unha das novidades desta edición foron as catas de novas variedades de queixos, que estiveron abertas ao público e tiveron lugar na Igrexa de la Merced, un marco arquitectónico incomparable. Nelas participou a concelleira Begoña Balado, como membro do xurado.

As queixerías arzuás agradeceron aos concellos de Arzúa e Trujillo a posibilidade de participar na feira, potenciando a actividade das queixerías situadas nos núcleos rurais e contribuíndo a manter as tradicións gandeiras e agroalimentarias.

Arzúa presentouse en Trujillo como unha encrucillada que ofrece ao visitante a posibilidade de descubrir a pegada que deixou no seu territorio a cultura romana e, en particular, a xacobea. “O concello alberga a principal ruta de peregrinación, o chamado Camiño Francés, que cruza as súas terras de leste a oeste. Ademais deste camiño, un segundo itinerario, o Camiño do Norte, atravesa as parroquias máis setentrionais e enlaza co Camiño Francés. Neste ano Xacobeo, conta cunha ampla oferta de hoteis e restaurantes”, explicaron os seus representantes.