Suman o 80% das achegas outorgadas en toda a provincia // Repártense case cinco millóns de euros entres 113 granxas para plans de mellora, incorporación de mozos á actividade agraria e pequenas explotacións // Lalín é o máis beneficiado TEXTO M. Boo

As axudas ó sector agrogandeiro centraranse no Deza e Tabeirós

Sector primario
Manuel Boo
Luis López, no centro, durante a visita á gandeiría Coto no municipio de Rodeiro para presentar as axudas ás explotacións agrogandeiras. Foto: D.X.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, outorgou axudas por 4.839.282 euros a prol de 113 explotacións e produtores agrogandeiros das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes ao abeiro da liña de axudas para plans de mellora, incorporación de mozos á actividade agraria e pequenas explotacións.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial do Medio Rural, Antonio Crespo, e do alcalde de Rodeiro, Rubén Quintá, informou destas concesións nunha visita a Gandeiría Coto SC, emprazada na parroquia de Vilela e beneficiaria destas achegas en convocatorias anteriores.

En concreto, a Consellería do Medio Rural favoreceu o desenvolvemento de 67 plans de mellora no último ano cunha achega de 3.204.782 euros e impulsou a incorporación de 41 mozos e mozas á actividade agraria cunha axuda global de 1.559.500 euros, ao tempo que colaborou con 75.000 euros en proxectos de pequenas explotacións. Estas achegas supoñen máis do 80% das outorgadas en toda a provincia de Pontevedra a través destas tres ordes de axudas, que na convocatoria deste ano repartirán 37,5 millóns de euros en toda Galicia.

En canto á distribución por municipios destas tres liñas, Lalín, con 37 beneficiarios, seguido de Rodeiro e Dozón, con 23 e 21, respectivamente, son os municipios coas cifras máis elevadas da provincia. Nas comarcas tamén figuran subvencións para 11 iniciativas de Agolada, oito da Estrada, seis de Silleda, catro de Vila de Cruces e tres de Forcarei.

Os beneficiarios repártense da seguinte maneira, segundo a tipoloxía. No que respecta á incorporación de mozos Lalín recibe 13 axudas, Rodeiro oito, Dozón sete, Agolada cinco, A Estrada catro, Vila de Cruces dúas, e Silleda e Forcarei unha cada un dos municipios.

Nos plans de mellora volve ser Lalín o máis beneficiado con 24, seguida de Rodeiro con 15, Dozón con 14, Silleda e Agolada con 4 cada concello, A Estrada con tres, Forcarei con dúas e Vila de Cruces con unha.

No que toca a pequenas explotacións hai dúas axudas para Agolada e unha para Silleda, Vila de Cruces e A Estrada.

A cifra total do importe das axudas é de 2.109.122 euros para Lalín, 305.460 para Silleda, 87.976 para Vila de Cruces, 1.701.526 para Rodeiro, 610.382 para Agolada, 1.312.989 pra Dozón, 258.565 para A Estrada e 135.700 para Forcarei.

VISITA A GANDEIRÍA COTO. O delegado territorial aproveitou para visitar as instalacións de Gandeiría Coto SC, xestionada por Xabier Vázquez Pardo e os seus pais Miguel e María, e para coñecer os investimentos e melloras realizados coas axudas da Xunta.

Esta explotación, adicada ao gando bovino de produción de leite e que supera o cento de cabezas, executou un plan de mellora consistente na construción dun cortello, unha fosa coa súa cubrición e unha sala de muxido. Ademais, en anos anteriores tamén recibiu achegas polo programa de incorporación de mozos á actividade agraria e para a adquisición de maquinaria, así como das partidas da Política Agraria Común (PAC).