As Bibliotecas Municipais gañáronlle a batalla pola cultura ao coronavirus

Acadárono grazas a uns contacontos infantís que mantiveron a periodicidade mensual // Tamén houbo obradoiros e presentacións dirixidas aos adultos
actividades culturais
M. Manteiga
A concelleira de Cultura, Natividade González, esquerda, con profesionais nun sorteo das librarías. Foto: CA

Animar á lectura a nenos e maiores e fidelizar usuarios son os alicerces das Bibliotecas Municipais do Concello de Ames que, á súa vez, teñen nos contacontos infantís a pedra angular de súa programación, xa que mensualmente achegáronlle á rapazada de entre 3 e 8 anos novos títulos e os clásicos que sempre triunfan. Ademais, dende estes espazos de coñecemento realizan obradoiros e actividades para público adulto, este ano con dez novos títulos da literatura galega. Unha garantía, pois, de cultura para este municipio.

Así, Ata dez, Confundindo historias ou Onde está o nariz de Pinocho son algúns dos títulos que as animadoras das Bibliotecas Municipais do Concello de Ames contaron nas sesións de contacontos infantís. Estas sesións convertéronse, unha tempada máis, no piar fundamental da programación de animación á lectura destes espazos locais. Os contacontos infantís, que se levan desenvolvendo dende o ano 2004, están dirixidos a crianzas de entre 3 e 8 anos e teñen como obxectivo crear e consolidar hábitos de lectura en nenos e nenas. E este ano abordaron tres áreas temáticas: o coñecemento de si mesmo, o coñecemento do entorno e a linguaxe e a comunicación.

Logo de mergullarse nos relatos, as animadoras das Bibliotecas reflexionaron sobre o tema tratado e animaron aos pícaros a participar na Maleta dos contocontos, unha mostra bibliográfica para que os nenos poidan levar en préstamo obras, abundan na concellería de Cultura.

Nembargantes, e por mor da pandemia, este curso 2020-2021 as sesións pasaron de ser quincenais a mensuais e dende o mes de novembro tiveron que retomarse dun xeito virtual baixo o epígrafe #dixicontos. Os usuarios amosaron un grande interese por estas sesións, acadando as 1.454 visualizacións a de Loboferoz, 1.016 A xoaniña rosmona ou as 706 de Conta ratos.

Pero non só de contacontos conforman a actividades destes centros do saber, e no marco desta programación de animación á lectura realizaron varios talleres para maiores de 8 anos. O Obradoiro de Creacontos, Autores con pegada, o Obradoiro de Nadal ou o obradoiro Quen dis que era Xela Arias? teñen como obxectivo fidelizar e atraer ás bibliotecas aos nenos de máis de 8 anos, unha idade en que se converten en lectores autónomos e onde é importante facer un esforzo para que non decaia a afección pola literatura.

E todo sen esquencer os relatos e obradoiros para animar aos adultos a ler e a visitar as bibliotecas, como as Pequenas historias subversivas en que Dani Blanco quixo recuperar, recontar e lembrar a toda esa pequena xente que fai grande o mundo e Arrolando as flores que da man de Vero Rilo achega unha selección de historias de vida, de autor, tradicionais e de recollida.

Pero a grande aposta da programación para os maiores de idade seguen a ser as presentacións e as charlas literarias, que este ano tomaron o nome de Encontros literarios, reunindo a dez autores galegos.

Estes encontros comezaron con Irmandiñas, un texto no que Aurora Marco nos fai sabedores de que pese a que a historia o silenciase, as mulleres tamén participaron na acción social, cultural e política nas primeiras décadas do século XX.

Seguiulle Libres e vivas, unha obra coral escrita por dez autoras que dende diferentes puntos de vista abordan a cuestión do machismo. Carlos Negro presentou Non cantan paxaros neste bosque, un libro con nove relatos de terror e suspense dirixidos a un público xuvenil.

PARDO BAZÁN. Os encontros proseguiron con Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán. Esta obra da Editorial Galaxia busca reflexionar sobre o modo en que as ideas de Emilia Pardo Bazán contribúen ao actual movemento feminista e expón os pensamentos centrais da escritora. O soño de Liam, de David Navarro, é un texto que se serve do baloncesto para falar dos soños e das arelas de calquer neno, do afán de superación e da posibilidade de acadar eses soños.

O sexto encontro foi para Tomás Guerrero, que presentou A deserción de Stalin, onde o autor mestura a imaxinación coa realidade histórica, e Tanta paz leves, onde nos traslada aos difíciles anos da posguerra europea a través de milleiros de historias de vencedores e vencidos.

Xela Arias, a homenaxeada no Día das Letras Galegas, tamén tivo o seu día nestas presentacións das Bibliotecas Municipais do Concello de Ames. Foi a través da obra Intempestiva, unha biografía da homenaxeada, obra de Montse Pena. O seguinte encontro foi para Charo Pita e Laura R. Cuba, rematando con Suso de Toro e Carlos Negro. E todo sen esquencer efemérides obrigadas, como o Día do Libro e o da poesía.