As institucións e mailos cidadáns réndense a figura e obra de Rosalía

Xunta, Parlamento e estudantes leeron poemas polo 185 aniversario da escritora // “Co seu exemplo activou os resortes que sustentan o noso amor propio, o orgullo de ser galegos” asegurou Miguel Santalices no seu discurso
Día de Rosalía
Avelino Arca

Así, a Xunta sumouse aos actos impulsados polo Parlamento de Galicia e pola Fundación Rosalía de Castro. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, pechou as celebracións coa lectura pública do poemario de Rosalía nun encontro celebrado no Hostal dos Reis Católicos que serviu de colofón aos actos institucionais desenvolvidos durante toda mañá en Santiago de Compostela e Padrón, dous lugares preferentes na vida e obra da escritora. Para a ocasión, Román Rodríguez escolleu o poema Na Catedral, de Follas Novas.

A xornada institucional comezou a primeira hora no Parlamento de Galicia, nun acto ao que tamén asistiu o conselleiro e que contou coa participación de alumnado do colexio CEIP Rosalía de Castro de Padrón.

Na clausura do acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, enmarcou a actividade no compromiso da Cámara de articular iniciativas de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e incorporar a figura da autora á programación cultural do lexislativo galego.

Para Santalices, “Rosalía pode e debe estar sempre presente no Parlamento de Galicia”, a primeira das institucións autonómicas galegas, que vén de celebrar o seu 40 aniversario. “A Galicia das últimas décadas –afirmou– é protagonista dun rexurdimento intenso que se manifesta en todos os ámbitos: no cultural, no lingüístico, no económico ou no político”.

Sen embargo, a xuízo do presidente do Parlamento de Galicia, “pouco ou nada diso tería sucedido sen a sementeira principiada por Rosalía de Castro, e por tantas e tantos outros, pero singularmente por Rosalía, que coa súa obra, e mesmo co seu exemplo, activou os resortes que sustentan o noso amor propio; o orgullo de ser galegos, a conciencia de ser donos do noso futuro, saber que temos unha lingua propia, agarimosa e nobre”. “Somos herdeiros de Rosalía e estamos en débeda con ela”, agregou. Santalices rematou a súa intervención animando aos presentes a asumir como propia unha reflexión que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, Florencio Delgado Gurriarán, dirixiu ás súas amizades no Día de Galicia de 1977: “Galicia é o primeiro. Galicia debe estar por riba de todo no noso corazón, no noso pensamento e nas nosas accións”.

Ao longo do día continuou a celebración coa lectura de poemas diante da estatua de Rosalía en Padrón e unha alborada e ofrenda na praza de Vigo, na capital galega, moi preto onde naceu a autora, para finalizar no Hostal, antigo hospital onde foi bautizada a autora galega máis universal.

CAMBIO DE DATA Este é o primeiro ano que o Día de Rosalía se celebra oficialmente o 23 de febreiro logo de constatar –tras o achado dunha declaración notarial de 1843– que esta foi a data do seu nacemento, e non 24 como se pensaba ata o de agora. No marco da efeméride, a Xunta está a programar unha ampla actividade que leva ás bibliotecas públicas, centros de ensino, así como Centros de Estudos Galegos no exterior, con propostas que se prolongan máis aló da efeméride. Inclúense mostras, obradoiros, espectáculos de narración oral, conferencias ou unidades didácticas para o ensino, entre outras.