Un carril bici conectará o casco urbano de Sigüeiro coa senda na que se poderá desfrutar da natureza, andar, ir en bicicleta, facer deporte e relaxarse nunha contorna natural // Terá 36,5 quilómetros de Cerceda a Santiago TEXTO Manuel Boo

As obras da Vía Verde de Oroso marchan a bo ritmo

Sendeirismo
Manuel Boo
Os camiños estarán delimitados por pivotes de madeira. Fotos: C.O.

As obras do tramo que transcurre polo concello de Oroso da Vía Verde que unirá Santiago de Compostela con Cerceda pola antiga vía do ferrocarril avanzan a moi bo ritmo.

Moi pronto será un camiño para desfrutar da natureza, andar, ir en bicicleta, facer deporte e relaxarse nunha contorna natural idónea.

A actuación neste primeiro tramo, que conta cun orzamento de case 800.000 euros, suporá “un importante impulso económico, medioambiental e deportivo para o concello”, asegura o alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde.

A primeira Vía Verde da provincia da Coruña terá unha lonxitude de 36,5 quilómetros. Para completar o proxecto, o Concello de Oroso fará un carril-bici que conectará o casco urbano de Sigüeiro coa vía.

Así, a primiera Vía Verde da provincia da Coruña construirase sobre as antigas vías do ferrocarril e terá unha lonxitude de 36,5 quilómetros, conectando os municipios de Santiago de Compostela e Cerceda, e a institución provincial acaba de adxudicar as obras dos citados tramos.

O trazado incluirá unha franxa para que circulen os peóns, de 1,5 metros de ancho, e outra de dous metros para uso ciclista. Dotarase ó itinerario de drenaxes e outras obras complementarias, como a construción de muros e noiros, instalación de barandas en pontes e viadutos, iluminación de túneles activada por presenza ou adecuación de áreas de descanso, nas que se instalarán bancos e mesas de madeira e estacións aparcabicis.

O proxecto tamén recolle a instalación de carteis de contextualización ferroviaria e elementos innovadores, como ecocontadores e cargadores de bicicletas eléctricas.

Outra das características deste tipo de sendas é o seu elevado nivel de seguridade, posto que discurren lonxe das estradas. Deste modo, elimínase o risco de accidente de tráfico, ao que habitualmente están sometidos os ciclistas e camiñantes.

Como norma xeral, os cruces con viais dun cierto nivel de tráfico soluciónanse mediante a creación de pasos a diferente nivel.