Avanza a activación da mina de San Finx

A Xunta emitiu a proposta de autorización de vertido // Deberanse cumprir 18 requisitos
Minería
Marta Torres
A titular da explotación e os interesados teñen dez días para presentar alegacións. Foto: W.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de emitir a proposta de autorización de vertido ao río Pesqueiras (ou rego de Rabaceiros) de augas residuais depuradas procedentes da mina de San Finx, situada en Vilacova, no concello de Lousame, unha proposta de autorización que está condicionada ao cumprimento de 18 requisitos e das normas de calidade ambiental.

A resolución remítese á responsable da explotación mineira, a empresa Tungsten San Finx, S.L., e aos interesados, para que no prazo de 10 días, a contar desde o seguinte da notificación, presenten cantas alegacións se consideren convenientes para posteriormente, no seu caso, ditar a correspondente resolución.

A Xunta tramita a autorización “desde un escrupuloso seguimento da normativa, para garantir o cumprimento dos parámetros da calidade das augas para o vertido ao río, de acordo cos procedementos legais establecidos na Lei de Augas, e o seu regulamento, na Lei de Augas de Galicia e nas Normas de Calidade Ambiental”, sinalan.

A resolución emitida por Augas de Galicia inclúe eses 18 condicionantes que se deben cumprir na autorización de vertido, tendo presente sempre a obriga de atender estritamente as normas de calidade ambiental.

Augas de Galicia tamén establece o prazo de execución das obras correspondentes aos sistemas de tratamento e evacuación das augas residuais industriais xeradas nas mencionadas instalacións, que deberán estar finalizadas no prazo de catro meses.

Entre os condicionantes máis salientables na resolución atópase a limitación aos caudais de vertido nas fases de baleirado e na de explotación. En concreto, a fase de baleirado, actividade previa á explotación, debe realizarse en 3 fases cunha duración de 494,38 días para o baleirado dun total de 889.885 m3. Na fase de explotación establécese que o caudal tratado poderá acadar os 631.836 m3/ano, correspondendo 481.800 m³ a augas extraídas das galerías e 150.036 m³ a augas de escorrega da zona industrial.

Ademais, en canto á frecuencia mínima do control, fíxase que este será semanal na fase de baleirado, e mensual na fase de explotación. A resolución tamén determina a obriga do titular da mina de realizar un seguimento e control do medio receptor e remitir a Augas de Galicia os resultados das análises semanalmente, na primeira fase, e mensualmente, na segunda.