Vázquez asinou once convenios con nove alcaldes, entre eles o de Noia e Ribeira, para financiar actuacións de rehabilitación e conservación // Anunciou un novo programa de préstamos para adquirir vivendas para alugueiro social TEXTO M. Cano

Barbanza recupera o patrimonio grazas ós fondos de cooperación

Rehabilitación
María Cano
Ángeles Vázquez, séptima pola esquerda, co rexedor noiés, oitavo, e o de Ribeira, noveno, tras a firma dos convenios en Noia. Foto: XG

A Xunta de Galicia reservará inicialmente tres millóns de euros nos orzamentos do próximo ano para convocar por primeira vez un Fondo de cooperación coas entidades locais destinado a apoialas no financiamento da adquisición e promoción de vivendas de nova construción para alugueiro social.

Así o avanzou este xoves no municipio de Noia a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante o acto de sinatura dos convenios correspondentes á última convocatoria do Fondo de cooperación de rehabilitación do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), un instrumento de apoio financeiro a concellos de menos de 50.000 habitantes para proxectos de recuperación do patrimonio construído.

Este ano, segundo explicou a responsable autonómica, serán 11 as actuacións municipais que se executarán ao abeiro deste programa grazas aos convenios de colaboración asinados entre a Consellería e os 9 concellos beneficiarios. Deste xeito, as entidades locais poderán acceder a préstamos sen xuros para financiar os seus proxectos, fondos que deberán devolverlle ao IGVS nun prazo de ata oito anos.

O acto de sinatura entre a conselleira e os rexedores desenvolveuse no antigo estaleiro de Hermida que pronto se reconverterá na nova sede do Club do Mar de Noia, xa que o equipo de goberno que lidera Santiago Freire Abeijón utilizará o préstamo da Xunta, de 400.000 euros, na rehabilitación destas instalacións.

Na provincia da Coruña tamén se executarán con cargo aos convenios do Fondo de cooperación a reconstrución e ampliación dun inmoble da rúa Galicia, en Ribeira, para destinalo a edificio administrativo, usos múltiples e biblioteca municipal por valor de 893.736 euros; o Concello de Abegondo adquirirá por 400.000 euros a vila colonial na finca Os Loureiros; Sada destinará 487.130 euros na rehabilitación de piscina municipal; Vilasantar empregará 40.745 € para a humanización do contorno do cruceiro de Laxe; e Ares investirá 273.073 € no proxecto básico do centro sociocomunitario da familia e 290.041 na adecuación dun local no lugar de Sesenlle.

Na provincia de Ourense, o Concello de Maside dedicará 200.000 euros á rehabilitación do colexio vello; mentres que en Lugo, no Cervo, investirán máis de 650.000 euros na adquisición de dez vivendas unifamiliares adosadas para posterior restauración e outros dous bloques de vivendas no lugar de San Cibrao, coa mesma finalidade.

Exercendo de anfitrión e en nome dos demais representantes locais, Santiago Freire agradeceu a Ángeles Vázquez “o seu compromiso inversor con todas estas iniciativas que supoñen para todos importantes investimentos para as distintas localidades. É unha responsabilidade de todos eliminar eses elementos que distorsionan a paisaxe e este covenio vai facilitar que moitas desas edificacións que necesitaban unha mellora poidan verse reforzados e integrados paisaxisticamente”.

No caso de Noia financiarán as obras do vello estaleiro vinculado á carpintería de ribeira no que agora buscan recuperar esa actividade vinculada a actividade náutica pero da man do club de remo noiés, que albergará a súa nova sede.