Caldas tramitou 350 consultas de rehabilitación neste ano

O aforro enerxético e a compra e aluguer de vivendas tamén figuran entre as informacións demandadas á oficina municipal
Vivienda
María Rendueles
Vista Área da localidade pontevedresa de Caldas de Reis. Foto: Concello de Caldas

A Oficina da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Concello de Caldas de Reis atendeu 350 consultas ao longo de 2022 sobre rehabilitación, aforro enerxético, compra e aluguer de vivendas, segundo informou o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, que valorou moi positivamente “o grao de coñecemento entre a cidadanía caldense sobre o funcionamento desta oficina que dirixe a arquitecta María Pierres e a aposta municipal pola rehabilitación de vivendas”.

Este ano tramitáronse 17 novas actuacións de rehabilitación da convocatoria da ARI do centro histórico de Santo Tomé e Santa María que están pendentes da cualificación provisional por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Xa está prevista unha nova convocatoria a principios do 2023 para a que xa hai 8 novas actuacións interesadas en acceder as axudas.

Outras 25 solicitudes de axudas de todo o termo municipal foron tramitadas de forma presencial para ser presentadas ao ARI do Camiño de Santiago, que supoñen un total de 150.000 euros, chegando algunhas delas aos 12.000 euros. Un número de tramitacións elevado, tendo en conta que en toda Galicia, no ano 2020, só se concederon 81 actuacións.

Destaca tamén o alto interese da xente nova polo acceso ao Bono Alugueiro Mocidade, que procede do Plan Estatal de Vivenda, e que permite un máximo de 250 euros mensuais destinado ao pago do aluguer entre menores de 35 anos. Agora mesmo a oficina xa está asesorando ás persoas interesadas en solicitar as axudas ao aluguer de 2023 que proveñen do Plan Estatal de Vivenda 2022-2025, xa que o prazo de solicitude abre o próximo 2 de xaneiro polo procedemento de concorrencia non competitiva ata esgotar o crédito dispoñible. Por este motivo é importante presentar as solicitudes o máis pronto posible.

No caso de Caldas o importe máximo de alugueiro será de 400 euros ao mes, sen ter en conta garaxe, rocho ou gastos de comunidade. Os interesados en obter asesoramento da ARI, financiada polo Ministerio, a Xunta e o Concello, deben solicitar cita no 647 573 316, ou no email a ari@caldasdereis.com.