Canta con Ames descubre prometedores talentos no eido da música este verán

Este xoves continúa a segunda fase de preselección no parque do Ameneiral, en Bertamiráns // Actuarán 14 participantes
Música
Claudina Estévez
Un momento da primeira fase de preselección do concurso Canta con Ames. Foto: C. Ames

O pasado venres arrancaba o Canta con Ames coa primeira xornada da fase de preselección, que se realizou na praza de Manuel Murguía e na que participaron 11 persoas. O concurso continúa este venres, 8 de xullo, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e neste caso actuarán 14 participantes.

Canta con Ames é un concurso organizado pola Concellaría de Promoción Económica en colaboración coas asociacións de empresarios Novo Milladoiro e a Xuntanza de Empresarios de Ames. Logo do éxito da pasada edición, o 6 de maio púxose enmarcha a segunda edición deste certame, que este ano rebaixou a idade da categoría súper sénior para fomentar a participación na mesma e tamén se modificou a composición do xurado debido a que os membros da primeiro edición non podían repetir por motivos de traballo.

Este venres tócalles a quenda a 14 novos participantes. Na categoría infantil estarán Adriana Vigo, Antía Holovat, David Castiñeiras e Candela Caamaño, mentres que na categoría xuvenil farano Uxía Paz, Anxo Villanueva, Gabriela Muñoz e Paula Fernández. Tamén participarán Alicia Celdrán, Cecilia Pampín, Montse Angueira e Rosa Arauzo na categoría sénior, e Rosa Arauzo e José Rey, na súper sénior. Na fase de preselección os participantes teñen que interpretar unha canción en galego, castelán ou inglés. O xurado escolleráde entre os 25 participantes un máximo de 20 persoas por ambas xornadas, cinco por categoría.

O 11 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 17 de xullo aquelas que resulten escollidas deberán porse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, convida á veciñanza “a ver, gozar e pasar unha tarde diferente asistindo á segunda xornada de preselección do concurso Canta con Ames. Queremos que os 14 participantes sintan o cariño e o apoio dos veciños e das veciñas de Ames”. E engadiu, “non podemos esquecernos do motivo polo que nace este concurso: animar as rúas de Ames e incentivar as compras no comercio amesán”.