Chaman a aliarse coa Costa da Morte para homologar o roteiro do Camiño dos Faros

Os socialistas sumaron forzas en Vimianzo para defender a ruta // Din que é fundamental para o desenvolvemento económico destas comarcas
Sendeirismo
Jose Manuel Ramos
VIMIANZO. Gonzalo Caballero, no centro en primeira fila, con alcaldes e representantes socialistas. Foto: PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo este xoves unha xuntanza de traballo con alcaldes e voceiros socialistas da Costa da Morte e Bergantiños para reivindicar a importancia do Camiño dos Faros. Dende o castelo de Vimianzo chamou á Xunta a “aliarse” con estas bisbarras impulsando a homologación desta ruta turística, porque “é fundamental para o desenvolvemento económico e para xerar emprego e riqueza na zona”, dixo.

“A Costa da Morte ten moitas posibilidades para o turismo e, neste marco, o Camiño dos Faros é fundamental para xerar postos de traballo”, reivindicou en compañía das alcaldesas de Vimianzo, Mónica Rodríguez; Camariñas, Sandra Ínsua; e Cee, Margarita Lamela; e do seu homólogo de Fisterra, José Marcote, entre outros representantes da formación socialista.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero destacou que esta ruta de sendeirismo de máis de 200 quilómetros, que une Malpica con Fisterra, “é un xeito de poñer en valor a nosa fermosa natureza, a nosa cultura e a nosa tradición histórica”, resaltou. O PSOE seguirá levando ao Parlamento iniciativas para poñer en valor o roteiro e para conseguir que o Goberno galego “faga un plantexamento de aposta e potenciación” que o converta en “referencia do turismo galego de calidade para todo o mundo”, concluíu.

A alcaldesa anfitrioa, Mónica Rodríguez, sumouse á petición do dirixente socialista para conseguir que “dunha vez a Xunta poña todas as facilidades para que a homologación do Camiño dos Faros sexa unha realidade”. Igualmente, a rexedora de Camariñas, Sandra Ínsua, reivindicou o Camiño dos Faros como “vital” e “primordial” para os concellos da zona, xa que “case o 80 % das persoas que visitaron Camariñas no mes de maio fixérono para percorrer este roteiro. Temos que sentar coa Xunta e buscar unha saída”, destacou.

Na mesma liña, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, destacou a importancia da ruta “para o impulso económico” da contorna, polo que “é necesario buscar, entre todos, unha solución xurídica” que permita homologar este camiño. O rexedor de Fisterra, José Marcote, pediu unha solución que dea “seguridade xurídica”, e avogou por “saber conxugar o trazado ideal, que é o que temos agora, cunha posible homologación” cando “hai un pequeno conflito que hai que resolver”, sentenciou o mandatario.