Chegan as experiencias interactivas ás oficinas de turismo de Cuntis e Caldas

Contarán con pantallas informativas e balizas electrónicas // Amplían a súa oferta ós visitantes coa instalación de impresoras braille e bucles magnéticos
Turismo
Ana Pérez
A deputada provincial de Turismo na súa visita a Cuntis

As persoas que se acheguen ao punto de información turística de Cuntis ou á oficina de turismo de Caldas vivirán unha experiencia interactiva na que as novas tecnoloxías farán que o seu paso pola provincia de Pontevedra sexa máis enriquecedor. Así o constatou a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, quen acompañada do alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e do tenente de alcalde de Caldas, Manuel González, visitou estes lugares nos que o proxecto Tourist Inside, promovido pola Deputación de Pontevedra e con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado, suporá un punto e aparte no xeito de entender a oferta turística.

Coa colocación de pantallas dixitais, balizas electrónicas ou unha impresora braille a institución provincial mudará o clásico modelo de atención a persoas visitantes de cara a un novo, que se apoia nas novas tecnoloxías e na interconexión da Rede Info Rías Baixas para ofrecer ás persoas visitantes todas as posibilidades.

No que concerne ao punto de información de Cuntis o proxecto Tourist Inside permitirá a colocación dun tótem no seu exterior e dunha pantalla de 55 polgadas no interior. Ambos soportes servirán para ofrecer información turística de interese do destino Pontevedra provincia a todos os visitantes que o requiran.

A dixitalización deste punto de información completarase coa instalación dunha tableta para a realización de enquisas de satisfacción así como de catorce beacons, é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth.

A oficina de Caldas contará con dous tótems –un no seu interior e outro na zona exterior– así como cunha pantalla, tamén de 55 polgadas, onde se divulgarán contidos de interese turístico de Pontevedra provincia.

A estancia contará ademais cunha tableta para que as persoas visitantes realicen enquisas de satisfacción.

Esta oficina adaptarase tamén ás demandas das persoas con diversidade funcional xa que contará cunha impresora braille, que permitirá ampliar a oferta de información escrita, e cun bucle magnético, que axudará a que as persoas con dificultades de audición desfruten por completo das visitas guiadas neste concello. Ademais, está previsto que se instalen trece beacons no consultorio caldense

Ambas oficinas contan coa Q de Calidade turística, a de Cuntis acadou este fito o ano pasado mentres que a de Caldas fíxoo hai tres anos. Este distintivo é outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) o que as converte en referentes na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.