Choutos para aprender o inglés co insecto Saltarín

Literatura Infantil
Jose Manuel Ramos
Guadalupe Vázquez co seu conto bilingüe. Foto: M. S.

Cee. Aprender xogando. Esa é a proposta que fai a mestra e filóloga ceense Guadalupe Vázquez, que vén de publicar Chouta, Saltarín! Hop, Little Grasshoper!, un conto bilingüe en galego e inglés de contido pedagóxico, que parte dun enfoque dinámico e lúdico da aprendizaxe.

Segundo a súa autora, “está pensado para que os nenos e nenas aprendan a través do xogo, do movemento, o que lles permite canalizar altos niveis de enerxía de maneira positiva, traballando tamén as emocións”.

A idea deste libro é froito da experencia de Guadalupe como docente. Asegura que “o xogo é a porta ao corazón dos nenos e nenas, e o mellor xeito de aprender é xogando”. “Son partidaria de clases lúdicas e de que os pequenos se movan”, engade. Eso é que convida a facer aos máis pequenos nas aulas coa axuda dos seus mestres, pero tamén nas casas cos pais e nais, acompañando a Saltarín, o protagonista da obra, un insecto pequeno, fillo de Don Saltón, que andaba a choutos por unha eira cando, de súpeto, sucederon cousas inesperadas. Uns feitos que os nenos e nenas poderán descubrir e compartir a través dunha vintena de accións acompañadas de ilustracións da propia autora.

O conto foi publicado pola editorial Círculo Rojo e compleméntase cunha versión en vídeo dispoñible a través da canle de Youtube.

Dende o Concello de Cee xa confirmaron, a través das súas redes sociais, que van organizar un acto de presentación na casa da cultura para dar a coñecer o libro e, ao mesmo tempo, fomentar as dinámicas de aprendizaxe activo que propón o conto.

Guadalupe Vázquez Formoso (1981) naceu na Coruña e viviu a súa infancia a cabalo entre Estados Unidos e Galicia. Licenciouse en Filoxoxía Inglesa pola Universidade da Coruña e actualmente é mestra no CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo, de Cee.

Este é o seu primeiro libro e adicoullo ao seu fillo Antón e tamén “aos nenos e nenas dos que aprendín que xogar cun cativo é querelo”.