Esta iniciativa da Xunta xa chegou a máis de 20.000 persoas de toda Galicia, das que 5.600 son da provincia da Coruña // Proporciónase atención gratuíta nos servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación cognitiva TEXTO Claudina Estévez

Coidados porta a porta atende aos maiores de 55 anos do Pino

Atención sanitaria
Claudina Estévez
En primeiro plano, á esquerda, Antón Acevedo, e ao seu carón, Manuel Taboada, na unidade móbil. Foto: Xunta

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou este mércores a unidade móbil do programa Coidados porta a porta situada no centro de saúde do Pino e que estará en Arca ata o venres 30. Trátase dunha iniciativa a través da cal o Goberno galego achega aos maiores de 55 anos atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. A da Coruña é a que rexistra ata o momento un maior número de beneficiarios, con máis de 5.600; a esta séguelle a de Pontevedra, con preto de 5.000. A provincia de Lugo é a terceira que máis persoas leva atendidas neste tempo: máis de 4.600. En último lugar atópase a provincia de Ourense, con case 4.200 usuarios.

Por medio de oito autobuses que percorrerán todos os concellos galegos, agás as sete cidades, a Consellería de Política Social e Xuventude facilita coidados médicos e de saúde en xeral preto dos fogares das persoas maiores, evitándolles desprazamentos fóra da súa contorna e posibilitando que poidan seguir vivindo alí onde prefiran.

Para ser atendido en calquera dos autobuses de Coidados porta a porta, que continuarán percorrendo o territorio galego, cómpre solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

No tocante ao servizo de podoloxía, o que se fai é unha consulta básica na que se valora o estado xeral do pé. Tamén se leva a cabo un corte e limpeza de uñas e a eliminación de durezas ou calos. E é que, tal e como informan dende a Xunta, “o coidado do pé adquire importancia co paso dos anos. Permite garantir autonomía e previr patoloxías que poidan derivar en complicacións médico-quirúrxicas”. Co servizo de audioloxía realízase unha valoración e exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva. Trátase dunha revisión fundamental para os maiores, porque o deterioro auditivo pode afectar á integración sensorial e dar como resultado unha menor socialización. E no que respecta ao de estimulación da memoria, un profesional realizará unha valoración cognitiva e achegará as pautas desde unha perspectiva terapéutica de como previr e aminorar un dano, en caso de habelo. “A alta incidencia de detorioro cognitivo en persoas maiores fai aconsellable a valoración cognitiva e a intervención terapéutica como forma de previr e aminorar o proceso”, sinalan dende o Goberno galego.

A través da web da Consellería de Política Social pode accederse ao calendario que indica cando estará a unidade móbil en cada concello. No caso da comarca de Ordes-Arzúa, hai que destacar que a próxima parada será Frades. Estará os días 3, 4, 5 e 6 de outubro na Praza de Ponte Carreira.

O éxito da iniciativa da vila é tal que este mércores dende o Concello informaban que xa non quedan prazas no servizo de estimulación da memoria. Con todo, a unidade móbil volverá ao municipio fradense a comezos do ano 2023; en concreto, do 23 ó 25 de xaneiro, segundo fontes municipais.

Tamén estará no concello de Touro este servizo os días 7, 10 e 11 do vindeiro mes para atender aos maiores de 55 anos da vila.

comarcas@elcorreogallego.es