Xacobeo. O secadeiro Os Cascóns acolleu a campaña Écociña para promocionar a gastronomía e os produtos galegos entre peregrinos e turistas // Máis dun cento de restaurantes e prazas de abastos sumáronse á iniciativa da Xunta TEXTO José M. Ramos

Congros de Muxía para a cociña autóctona e sostible do Camiño

Campaña
Jose Manuel Ramos
O alcalde de Muxía, Iago Toba, terceiro pola esquerda, e Gonzalo Trenor, cuarto, cos participantes na presentación en Muxía. Foto: Xunta de Galicia

O secadoiro de congros Os Cascóns, de Muxía, foi escenario este martes dunha nova presentación do programa Écociña no Camiño, unha iniciativa que busca visibilizar prácticas sustentables da hostalería no Camiño de Santiago e que promove a cociña autóctona e sostible para promocionar a gastronomía propia e os produtos galegos entre os peregrinos e os turistas.

No acto, presidido polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e polo alcalde muxián, Iago Toba, leváronse a cabo unha presentación técnica e un showcooking con produtos de proximidade, ao tempo que se deu a coñecer mellor a iniciativa Colleita Propia.

A elección do secadoiro de congros muxián non foi casual, pois esta particular forma de transformar o prezado pescado está moi vinculada ao Camiño. Así, segundo se recolle na propia web do Concello de Muxía, entre os moitos peregrinos que completaban a ruta xacobea no santuario da Barca había tamén bilbilitanos procedentes de Calatayud (Aragón). Na Idade Media traían cordas para os barcos de Muxía e levaban de volta, como pago en especie, pezas de congro dos secadoiros da ribeira. Esa localidade aragonesa segue sendo hoxe un destino de referencia para estes peixes que preparan os dos dous únicos secadoiros de toda a península ibérica, os de Os Cascóns e A Pedriña, ubicados ambos na vila muxiana.

Ademais de Calatayud, o congro seco tamén ten unha importante demanda en diferentes zonas de Castilla, A Rioxa e Cataluña.

Trenor explicou que “a través dos restauradores e os blogueiros especializados en gastronomía mostramos o mellor dos produtos de Galicia en diferentes puntos das rutas xacobeas nas que, ademais de degustar produtos da zona elaborados por cociñeiros do lugar, faise un labor pedagóxico sobre as vantaxes da cesta da compra de proximidade e o compromiso coa sustentabilidade”.

O delegado da Xunta destacou que máis dun cento de restaurantes espallados polas diferentes rutas do Camiño están participando nesta campaña impulsada por Turismo de Galicia, unha iniciativa á que se sumaron tamén as prazas de abastos coa súa oferta de produtos de proximidade, a través de diferentes demostracións de cociña que contan coa colaboración de Aceites Abril e Estrella Galicia. Tamén animou aos restauradores a apostar pola cociña autóctona e polos produtos galegos de tempada porque “o Camiño é o mellor escaparate de Galicia e nel temos que ofrecer o mellor de nós mesmos”, asegurou.

Por outra banda, o representante do Goberno autonómico incidiu na importancia que o boca a boca ten na promoción do Camiño, de aí a necesidade de ofrecer ao peregrino unha boa mesa repleta do mellor das terras e dos mares de Galicia para recuperar forzas logo de cubrir cada etapa da ruta xacobea.

A parada en Muxía correspondeuse coa segunda sesión de Écociña no Camiño, tras ser presentada en Vilanova de Arousa. Proximamente chegará á Ribeira Sacra, e a campaña inclúe tamén unha semana de accións no Camiño con degustacións gratuítas para os peregrinos e actividades abertas ao público nas prazas de abastos das principais localidades xacobeas.