A campaña da Xunta tamén chegou ata a Escola de Verán de Valga // Ademais de degustar peixes e mariscos, xogaron e recibiron agasallos TEXTO Claudina Estévez

Conservas do mar para crear un bocata san

Nutrición
Claudina Estévez
A rapazada participou nun xogo que consistiu en pescar distintas especies de peixe e marisco. Foto: C.V.

Fai clic ao teu bocata chegou ata a Escola de Verán de Valga. Trátase dunha actividade realizada en colaboración coa Consellería do Mar para promocionar o consumo de produtos do mar e incidir nos hábitos alimenticios saudables a través das conservas de peixe e marisco.

O obradoiro incluíu unha presentación na que os monitores fixeron fincapé “na necesidade de introducir o peixe na dieta dos nenos e mozos”, explicándolles que unha das alternativas é elaborar nas merendas os bocatas de conservas, posto que estes produtos envasados manteñen practicamente todas as súas propiedades nutricionais.

A través dun vídeo, os rapaces coñeceron ás mascotas do taller: Pan, Lata e as súas fillas Trilatas, Bote, Molde e Millo, e a algunhas delas puideron pintalas nun dos obradoiros que realizaron. Outro dos xogos no que participaron consistiu en pescar diferentes tipos de peixes e mariscos. O punto forte do obradoiro e o máis agardado polos nenos e nenas chegou ao remate, cando puideron degustar bocatas de sardiñas en conserva con queixo e vexetais. Ademais, os cativos recibiron agasallos promocionais, como mini neveiras para transportar os seus bocatas e un póster do obradoiro.

Fai clic ao teu bocata, iniciativa creada pola Consellería do Mar, está destinada aos estudantes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. No marco da campaña, creouse un bocatario, é dicir, un listado que contén ata nove receitas de bocatas saudables para elaborar coas conservas de peixe e marisco: agullas con hummus, filetes de cabala con queixo e vexetais ou atún con olivas verdes, son algunhas das combinacións propostas, xunto con algún que outro, acompañamento para facelo de dez.