Chega ao programa Apego unha sesión de narración oral da man de Raquel Queizás e a ra Nano // Será o vindeiro xoves e está dirixida ás crianzas de entre un e catro anos // As propostas continuarán o resto do mes, en novembro e decembro // A seguinte actividade é o Festival de maxia TEXTO Claudina Estévez

Contos e música para os amesáns

Actividades de lecer
Claudina Estévez
Na imaxe pode verse a Raquel Queizás e a ra Nano, que estarán en Ames o día 13 deste mes no marco do programa Apego. Foto: C.A.

As actividades do último cuadrimestre do programa Apego de Ames continúan cunha sesión de narración oral, O xogo de Nano, protagonizada por Raquel Queizás e a ra Nano. Trátase dun conto musical para coñecer o corpo ao ritmo da música e favorecer a adquisición da lingua, a comprensión oral e a capacidade de atención dos máis pequenos. A proposta, dirixida a familias con nenas e nenos de 1 a 4 anos, terá lugar o xoves, 13 de outubro, ás 18.00 horas, na casa da cultura do Milladoiro. Para participar, cómpre inscribirse ata o martes, 11 de outubro, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal , no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade dos nenos e nenas que asisitirán.

O xogo de Nano é un conto musical para aprender as partes do corpo ao ritmo da música e da man dunha ra moi especial. A través das aventuras e das pequenas historias de Nano, favorecerase a adquisición da lingua, a comprensión oral e a capacidade de atención, ao tempo que se estimulan as habilidades de percepción espacial e a psicomotricidade das crianzas.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico antes indicado, iso si, non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando sempre a orde de recepción das solicitudes.

Seguirá a programación neste mes de outubro. Farao co Festival de maxia, previsto para o venres 21, sábado 22 e domingo 23. Desenvolverase nas casas da cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Serán tres días cargados de maxia con obradoiros, espectáculos e galas máxicas. Asemade, o venres 28, terá lugar na casa da cultura de Bertamiráns a preestrea do novo disco de Pakolas, nun concerto cheo de humor no que os máis pequenos e pequenas poderán aprender, cantar e gozar a ritmo roqueiro. O programa continuará asemade nos meses de novembro con máis propostas similares, e en decembro coa visita do Apalpador. Non hai que esquecer que tamén se desenvolven contacontos nas bibliotecas ata o mes de decembro, que levan por nome Contacontos nas bibliotecas e que teñen lugar os martes tanto na do Milladoiro como na de Bertamiráns. Están dirixidos aos pequenos de entre 3 e 4 anos de idade.