Corenta empresas colaboran na inserción de estudantes de Cee

O 45 % dos alumnos do IES Fernando Blanco foron contratados ao rematar as prácticas // Dende este centro din que o obxectivo é coidar o sector produtivo
Formación
Jose Manuel Ramos
Alumnos e profesores de Electricidade e Electrónica premiados este ano no certame de Innovación na FP. Foto: I. F. B.

Un total de corenta empresas de Costa da Morte acolleron este ano aos cincuenta e dous alumnos e alumnas do IES Fernando Blanco, de Cee, para a realización das formación en centros de traballo. Corenta e seis deles fixérono na modalidade ordinaria e seis na dual en segundo ano. Unha colaboración que permitiu que o 45 % dese alumnando fose contratado polas referidas empresas.

A directora do instituto, Consuelo Trillo, e o coordinador dos programas de Formación en Centros de Traballo, José Pardiñas, queren amosar o agradecemento do centro ás empresas e “poñer en valor a súa xenerosidade”.

Aseguran que os bos resultados obtidos son o froito do “traballo dos nove titores e titoras do cento, a boa acollida das empresas e o saber facer do alumnado”. Lembran que a inserción laboral “é un dos obxectivos da colaboración entre centros educativos e tecido empresarial, e sinalan que “a nosa formación e a colaboración destas empresas contribúen a coidar o sector produtivo da Costa da Morte”.

Subliñar ademais que nestes plans formativos colaboran empresas de todo o tipo. Este ano, o alumnado do IES Fernando Blanco foi acollido por entidades bancarias, xestorías, asesorías, aseguradoras, o Rexistro da Propiedade, metalúrxicas, talleres de automóbiles, compañías de ascensores, instaladores eléctricos e electrónicos, e empresas de montaxes mecánicos, de frío, construción, conserveiras e de servizos de augas. Tamén colaboraron os concellos da comarca e o Hospital Virxe da Xunqueira.

AMPLA OFERTA. O IES Fernando Blanco acolle unha ampla oferta formativa, e a partir deste venres, día 25, abre o prazo de admisión, que se prolongará ata o luns 5 de xullo ás 13.00 horas para o réxime ordinario e o 2 de xullo no caso do réxime Dual.

A oferta formativa inclúe os ciclos de grao superior de Administración e Finanzas, Automatización e Robótica Industrial (réxime Dual) e os ciclos de grao medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas, Electromecánica de Vehículos Automóbiles, Xestión Administrativa e Mantemento Electromecánico.

Todas as solicitudes faranse online, polo que se poderán facer desde a casa e despois presentar a documentación que se requira no instituto. Na páxina web do centro teñen a información de acceso, pero os interesados poden chamar tamén ao número de teléfono 881 880 467 para recibir toda a información relacionada co acceso aos distintos ciclos formativos.

PREMIOS. Os departamentos de Electricidade e Electrónica e de Instalación e Mantemento foron premiados polos seus proxectos presentados á convocatoria de Innovación na FP. O primeiro desenvolveu un programa de Técnicas de intelixencia artificial para a resolución de problemas, e o segundo un Sistema de diagnose mediante parametrización de sensores en máquina de peche. Contaron coa colaboración de varias empresas.