Contaminación. Todo apunta a que pode ser a causa do brote de gastroenterite que afecta a decenas de veciños // O Concello xa procedeu a vaciar os depósitos para desinfectar a rede // Sanidade abriu unha investigación TEXTO José M. Ramos

Cortado o subministro de auga en Muxía ao detectar bacterias

Saúde
Jose Manuel Ramos
A veciñanza da capital municipal de Muxía, na imaxe, foi a principal afectada polo corte do servizo. Foto: C. M.

Aínda que as primeiras analíticas feitas o xoves confirmaban a potabilidade da auga da traída municipal de Muxía, a empresa contratada polo Concello para realizar un estudo máis en profundidade confirmou este venres a “aparición de bacterias nuns valores non axeitados para o consumo directo”, aínda que si se podería empregar para o aseo persoal e para fins similares.

Ata o momento descoñécese a orixe desta contaminación pero, á espera de novas análises, todo apunta que a causa do brote de gastroenterite que afecta a varias decenas de veciños e veciñas da localidade pode estar na mala calidade da auga.

O grupo de goberno que encabeza Iago Toba, coa fin de primar a seguridade e prever males maiores, acordou prohibir o consumo de auga do abastecemento municipal. Procederon ademais ao vaciado de todos os depósitos e á limpeza e desinfección seguindo todos os protocolos esixidos nestes casos. Todos os traballos están sendo supervisados pola empresa especializada neste eido. Acordouse ademais cortar o subministro, “sabendo das molestias que poida ocasionar, ata que se remate con todo o proceso de limpeza e ata que a auga teña valores óptimos para o consumo”, afirman.

Dende a Consellería de Sanidade tamén están a realizar unha “investigación epidemiolóxica e ambiental” ante a sospeita de que o brote de gastroenterite é de orixe alimentario. Os servizos de Epidemioloxía e de Control de Riscos Ambientais da Xefatura Provincial de Sanidade da Coruña, en coordinación co Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, son os encargados da investigación seguindo o protocolo de actuación.

Fontes da Consellería confirmaron a Efe que se recolleron mostras en distintos puntos da rede de abastecemento do concello de Muxía. Entre outros parámetros, determinarán se se trata de E. Coli, Norovirus o Clostridium Perfringes. Os resultados tardarán en coñecerse un mínimo de corenta e oito horas.

Dende o goberno local aseguran que todas as medidas adoptadas teñen como fin “facer prevalecer a saúde dos veciños e veciñas de Muxía”. Coa fin de garantir o subministro de auga á veciñanza do municipio que se verá afectada polo corte do abastecemento, o Concello contactou con diferentes empresas para facerse con auga embotellada.

Dende o PP de Muxía, a súa portavoz, Sandra Vilela, esixe explicacións ao goberno local. “Estamos falando de decenas de muxiáns intoxicados e temos que saber que foi o que fallou; esta é unha situación gravísima”, afirma. Asegura que xa fai case unha semana que “empezaron a desfilar casos ó hospital”, polo que se pregunta “canto tempo levamos bebendo auga contaminada? Como pode ser que non se detectase ningún problema? Onde estivo o erro para que a auga chegase contaminada ás nosas casas?”.

A portavoz popular lamenta a “falta de responsabilidade” do alcalde “anunciando resultados normais das análises da auga antes de ter os definitivos”. Destaca tamén a “falta de previsión” e dunha alternativa porque “no supermercado xa hai escasez de auga embotellada”. Pregúntase igualmente “como se pode deixar a hoteis, pensións e albergues sen auga en media hora, sabendo que facía días que isto se vía vir?”.