Suporán un investimento autonómico de 2,7 millóns de euros // Revisarase se a ubicación é a axeitada, mellorarase o equipamento e potenciarase a accesibilidade // Incluiranse medidas de seguridade e con perspectiva de xénero TEXTO C. Estévez

Costa da Morte e a comarca de Santiago renovan paradas de bus

Obras
Claudina Estévez
No centro, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor (segundo pola esquerda), e a alcaldesa de Santa Comba, María Pose. Foto: X.

O delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Santa Comba, María Pose, informou de que o Diario Oficial de Galicia vén de publicar o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de mellora de 64 paradas de autobús en 10 concellos das comarcas de Santiago e de Costa da Morte que suporán un investimento autonómico de 2,7 millóns de euros.

O proxecto que se someteu a información pública abrangue 64 paradas nas rutas de acceso polo noroeste da cidade de Santiago nas vías AC-300, AC-400, AC-404, AC-406, AC-407, AC-432, AC-441, AC-445, AC-451, AC-453, AC-543, AC-546, AC-550 e AC-552. Estas intervencións afectarán a un total de 65 parcelas, a cuxa expropiación se destinarán algo máis de 78.000 euros.

Concretamente, no concello de Santa Comba melloraranse 13 paradas; en Ames 9; en Brión 21; en Camariñas 2; en Cee 1; en Corcubión 1; en Dumbría 4; en Fisterra 7; en Vimianzo 2; e en Zas 4. En total, o mencionado proxecto contempla o adecentamento de 64 paradas.

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, revisarase se a localización da parada é a axeitada. A situación óptima destas infraestruturas é en treitos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometerán nas paradas consistirán concretamente, segundo explican dende a Xunta, en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levarán a cabo avances na accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil. Os labores incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, e procederase á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.

Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas. Ao longo das últimas semanas a Xunta de Galicia está a anunciar importantes melloras nas paradas de autobús de varios concellos da área compostelá, o que é un claro indicativo do firme compromiso do Goberno galego polo fomento do transporte público e que se reflicte na renovación e na modernización de todo o mapa galego de transporte interurbano.

NEXT GENERATION EU. Este proxecto está financiado ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea-Next Generation EU. Trátase dun programa aprobado polo Consello Europeo o día 21 de xuño de 2020 e que ten como obxectivo dar resposta de forma conxunta e coordinada a unha das peores crises sociais e económicas da historia e contribuír a reparar os danos ocasionados pola pandemia da covid.

Con estes fondos, búscase que a Europa posterior á crise sanitaria sexa máis ecolóxica, dixital e resiliente óos cambios e ós retos do futuro.