Crearanse dous centros de compostaxe para os residuos dos arzuáns

O Concello repartiu 60 composteiros entre os veciños e aínda hai algún para solicitar
Composteiros
Claudina Estévez
Xornada na que se entregaron os composteiros. Foto: C. Arzúa

Arzúa. Artellar políticas respetuosas co medio e facer partícipes delas aos cidadáns. Ese é un dos obxectivos do Concello arzuán, un propósito que se incrementou aínda máis nos últimos meses cando o cambio climático, as continuas secas e as numerosas vagas de incendios acontecidos incentivaron a necesidade de investir e dobrar esforzos no ámbito da sensibilización medioambiental.

Así, en breve, desenvolverase en Arzúa unha novidosa iniciativa medioambiental que consiste na creación dun plan de compostaxe que permitirá a instalación dos dous primeiros Centros de Compostaxe Comunitaria do municipio. Trátase de instalacións pensadas para xestionar os residuos domésticos de carácter orgánico xerados por pequenas comunidades de persoas. Un dos centros será instalado no recinto do CEIP de Arzúa e o outro nas inmediacións da Escola Infantil e Residencia San Xosé. O obxectivo desta iniciativa é implicar na xestión in situ da fracción orgánica aos grandes xeradores de residuos do concello.

Ao tempo que se desenvolve esta iniciativa de carácter comunitario e grupal, o goberno municipal procedeu tamén a darlle pulo á compostaxe doméstica de carácter individual ou familiar. Así, a semana pasada, fíxose entrega no Multiusos Terra do Queixo de 60 composteiros aos veciños e veciñas que así o tiñan solicitado. Os composteiros foron adquiridos polo Concello de Arzúa en cofinanciación coa Xunta de Galicia a través dos Fondos Next Generation da UE.

A entrega dos composteiros complementouse cunha xornada formativa sobre a compostaxe. O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vallo, salientaba este martes a importancia destas xornadas formativas para todas aquelas persoas que van dispoñer dun composteiro xa que “a nosa finalidade é estender a autocompostaxe polas parroquias, fomentando a prevención da xeración de residuos e acadar, así, unha xestión máis sostible do lixo”.

Dado que o Concello aínda dispón dalgúns composteiros sobrantes, todos os que desexen facerse con algún poden solicitalo a través do rexistro ou da sede electrónica. Tamén poden obter máis información ou resolver calquera dúbida en información@foresin.es ou no 622 771 300. c.e.