Curtas de Alemaña e España arrasaron no Festival Cinema Miúdo

Superáronse o medio cento de obras cinematográficas de todo o mundo // Repartíronse ata 1.400 euros en premios
Cortometrajes
M. Manteiga
Santomil, esquerda, con Gómez, García, Agra, Costas, Martínez, González, Fernández, Otero e Vázquez. Foto: CA

Uns 650 rapaces, pero tamén nais e pais, pasaron polas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro na pasada fin de semana para gozar da cuarta edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, Cinema Miúdo, o único en Galicia especializado en público infantil e familiar. E no que atinxe aos galardoados, figuran Voa, do director Carlos Gómez-Mira Sagrado (España); Folla en Branco, do realizador Bastian Eipert (Alemaña); Eu, un Monstro?, da directora Belinda Bonan (España) e Cat Lake City, da realizadora Antje Heyn (Alemaña).

Durante tres xornadas proxectáronse máis de medio cento de curtametraxes a concurso, chegadas de moitos recunchos do mundo. Ademais, houbo diferentes actividades paralelas: talleres de stop motion e de maquillaxe de efectos especiais; festa dos videoclips galegos; e proxeccións complementarias (Festi convidado Olloboi e pase de curtas OQO). E todo iso sen esquencer a película A galiña Turuleca , a única proxeción deste evento que foi de pago (4 euros), aínda que incluíu bonificacións a estudantes con carné, maiores de 60 anos, menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos con carné xove e a persoas demandantes de emprego. A xornalista, Loli Gómez, foi a presentadora.

Tanto nas sesións de inauguración como na de clausura sucedéronse actuacións de maxia a cargo do ilusionista, Carlos Tomico, da compañía Maxia na manga. E en todas as sesións de proxeccións, así como nos obradoiros houbo unha boaparticipación. En concreto, a eses talleres acudiron un total de 55 rapaces, e hai que sumar todas as persoas que participaron nas diferentes proxeccións realizadas.

Por outra banda sorteáronse 15 bolsas de Cinema Miúdo, 5 por día, entre todas aquelas persoas que realizaron unha fotografía no photocall do festival ou na exposición de pezas do artista de efectos especiais de maquillaxe, Alberto Hortas, de 4 Ojos Estudio. A mostra estivo exposta na casa da cultura de Bertamiráns.

Na gala de clausura participaron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Cultura, Natividade González; edís do tripartito, como David Santomil, Genma Otero, Víctor Fernández ou Beatriz Martínez; así como Oliva Agra, do PP; Quique Costas, de Ames Novo, e maila técnica municipal María Vázquez.