Decoración, animación e sorteos na campaña de Nadal de Noia Histórica

Repartirán 3.000 € en vales de compra entre os 60 comercios participantes // Tamén haberá un concurso e o tren infantil
Comercio local
María Cano
Pola esquerda, a concelleira de Comercio e a presidenta e secretaria de Noia Histórica, respectivamente. Foto: Concello

O Concello de Noia deu a benvida oficial ao Nadal tras presentar este xoves a campaña Noia, preto de ti. A concelleira de Comercio, Laura Salgado García, xunto coa presidenta da asociación Noia Histórica, Alba Expósito, foron as encargadas de informar dos detalles desta campaña centrada na decoración e animación de rúas.

Ademais, haberá un sorteo de 3.000 euros (quince vales de 200 euros) en vales de compra para incentivar as ventas e o comercio local da vila e no que, segundo indicaron dende a patronal, bateuse un récord de participación con 60 comercios adheridos.

Así, Noia vivirá un Nadal con diferentes actividades e para todos os públicos como un concurso de escaparates con 28 participantes; música nas rúas do casco histórico a través da megafonía; tren infantil o día 23 e 24 de decembro; un trineo photocall na praza do Curro; Belén animado de 40 metros cadrados na igrexa de Santa María A Nova; visita de Papá Noel o día de Noiteboa e, como novidade este ano, o 4 de xaneiro poderá verse o conto teatralizado O reino de Noia polas rúas da vila, que correrá a cargo do artista noiés Serafín Marcos.

Tras a presentación da campaña, a concelleira Laura Salgado quixo desexar aos veciños e veciñas do municipio que “teñan un bo Nadal e unha boa entrada do aninovo” e agardou “que desfruten das diferentes actividades programadas”.

A todas estas iniciativas sumarase un amplo e variado programa de actividades culturais que organizou o departamento que dirixe o edil José Pérez. Así, este venres, ás 20.00 horas no edificio Casino, terá lugar a inauguración da exposición A nosa Ría, de Axeitos. Unha mostra de acuarelas que estará aberta ata o vindeiro 10 de xaneiro.

Ao día seguinte, ás 20.30 h no Coliseo Noela, proxectarase a película-documental O Gran Camiño, incluída na programación da Rede Cultural da Deputación. E o domingo, nesta mesma ubicación ás 19.00 h, concerto de Nadal da banda de música da vila de Noia acompañada polo coro Cantaparanoia. Nas tres actividades, entrada libre ata completar aforo. Máis información no Facebook de Cultura Concello de Noia.