Pertencen ás confrarías de Rianxo e Carril // A campaña acaba o trinta de outubro // Están autorizados 37 tripulantes // A cota máxima permitida de capturas será de 5.176 quilos // A única arte que se pode utilizar é a nasa-voitirón TEXTO Manuel Boo

Dezaoito barcos pescarán anguía no Ulla a partir do un de febreiro

Pesca
Manuel Boo
Uns valeiros utilizan desde a súa embarcación unha nasa voitirón para realizar as súas capturas en augas do río Ulla. Foto: P.N.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou este venres no DOG a resolución da Xefatura Territorial de Pontevedra pola que se aproba a renovación do plan de aproveitamento específico da anguía na desembocadura do río Ulla durante a próxima tempada, que este ano se estenderá desde o 1 de febreiro ata o 31 de outubro.

O tamaño mínimo das capturas queda fixado en 20 centímetros, coa obriga por parte dos pescadores de devolver ao río aqueles exemplares que non dean a talla, así como as anguías prateadas e outras especies que entren nas nasas. Ao igual que o ano pasado, a cota máxima autorizada de capturas será de 5.176 quilos para o total de embarcacións.

Ademais, a única arte empregada para pescar anguía na desembocadura do río Ulla será a nasa-voitirón, cun tamaño de malla mínimo de catorce milímetros e un límite de dez artes por tripulante.

As nasas deberán ser levantadas e revisadas a diario e o horario autorizado para a actividade estenderase das doce da mañá do luns ata a mesma hora do sábado.

Cómpre lembrar que a pesca da anguía é unha actividade profesional tradicional que se desenvolve nalgunhas zonas de desembocadura dos ríos galegos.

No caso concreto do Ulla, o plan para 2022 fixa tres zonas autorizadas: o tramo comprendido entre a ponte de Catoira e a liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro, no concello de Rianxo, con Punta Grandoiro, na zona de Bamio, dentro do termo municipal de Vilagarcía; o que vai da liña recta imaxinaria que une Punta Palleiro con Punta Grandoiro ata a liña imaxinaria que une Praia Longa, na entrada de Carril, con Punta Seveira, na parroquia rianxeira de Santa María de Leiro; e a parte do río comprendida entre a liña imaxinaria que une Praia Longa con Punta Seveira e a liña imaxinaria que une Punta Seveira con Punta Rebordexo e a súa continuación, ata o faro do dique de Carril, excluída a illa de Cortegada.

A partir do un de febreiro, autorízase a faenar nestas zonas a un total de 18 embarcacións e 37 tripulantes das confrarías Santiago Apóstol, de Carril, e Virxe do Carme, de Rianxo, polo que se mantén o esforzo pesqueiro da tempada anterior.

Ambas deberán remitir cada mes á Xunta os datos de extracción por especie e día traballado e os xustificantes da súa venda en lonxa, o único medio permitido para poder comercializar as capturas.

A desembocadura do río Ulla, que está agora mesmo en plena campaña de lamprea cunhas capturas escasas, sempre foi un referente na pesca da anguía entre os municipios de Rianxo e Vilagarcía de Arousa.

De feito, no municipio de Valga organizan todos os veráns dende o ano 1989 unha festa dedicada a este peixe coa que se pretende amosar as distintas posibilidades culinarias que esta especie pode ofrecer. Ano a ano incorporáronse novas formas de preparalo, e así na última edición os milleiros de visitantes puderon degustalo en empanada, frito, guisado con patacas, rebozado, en escabeche ou á Bella Otero (con arroz).

Son moitos os que consideran un manxar á anguía e que están desexando que comece a tempada para poder levala ás súas mesas.

comarcas@elcorreogallego.es