Día do Libro con contacontos para todos e antoloxía amesá de obras gañadoras

O Pazo da Peregrina será tamén sede de obradoiros este sábado // Haberá unha sala de escape en Bertamiráns // Acaba a entrega de rifas pra gastar nas librarías
Día do Libro
M. Manteiga
Bea Campos durante unha representación de ’Contos nas orellas’, que chegará a Bertamiráns o sábado pola tarde. Foto: BC

As concellarías de Bibliotecas e a de Normalización Lingüística de Ames celebrarán o día do Libro cunha batería de actos este sábado durante todo o día no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Haberá narrativa para todas as idades con conciliación, e tamén a presentación dun volume cos textos gañadores da edición 2021 do Certame Literario de Ames, a mediodía.

Precisamente, a posta de longo desa compilación de propostas gañadoras no concurso amesán será a encargada de abrir a xornada, coa asistencia dalgunhas das persoas que resultaron vencedoras do concurso. O acto estará conducido polo xornalista e locutor de Ames Radio, Juan Luis Silva. Esa mesma xornada pola mañá terá lugar tamén a actividade literaria de sala de escape na biblioteca de Bertamiráns, despois de que este venres se desenvolva na propia do Milladoiro (as inscricións para esta proposta, dirixida a 3º a 6º de Primaria, xa están pechadas).

Pola súa parte, as sesións de narrativa para todos os públicos comezarán pola tarde, a partir das 17.30 horas, con Contos nas orellas, unha proposta para o público infantil da actriz e narradora Bea Campos. A continuación, será a quenda da escritora Charo Pita, que ás 18.30 horas continuará a oferta de narrativa para a cativada con Menú de contos. Unha vez rematada esta sesión, ás 19.30 horas, Charo Pita invita ao público adulto a Baixo a lúa, unha actividade que contará cun servizo de conciliación, no que a rapazada poderá gozar de obradoiros de manualidades.

O propio sábado 23 coincide tamén co último día para participar na rifa de cheques regalo para as catro librarías amesás Lenda, Máinomen e Huargo Artis, en Bertamiráns, e a papelaría O Tinteiro, no Milladoiro. Dende o 28 de marzo, cada persoa que merca libros leva unha papeleta que lle permite concorrer a este sorteo. Coa proposta, o Concello, a través do seu departamento de Bibliotecas, busca tanto fomentar a lectura como promover o uso das librarías locais, colaborando co sector do libro ante a situación derivada do coronavirus e fomentando o comercio local.

MÉRCORES. Xa para o mércores 27 de abril celebrarase o sorteo público nas dúas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, ás 11.00 e ás 12.00 horas, respectivamente. Unha vez seleccionadas as persoas gañadoras, ata o 7 de maio o departamento poñerase en contacto con elas para facerlles entrega dos vales. Cada participante só poderá recibir un vale, a gastar na propia libraría onde foi entregada a papeleta gañadora. Os vencedores terán ata o 31 de maio para gastar o seu cheque na libraría que a cada quen lle corresponda.

Pero tamén continúa aberto o prazo para participar no concurso infantil de debuxo sobre o libro e a lectura, ao que a rapazada amesá pode presentar os seus debuxos. Os mellores deseños levarán un lote de libros e ocuparán uns marcapáxinas conmemorativos que se repartirán o Día da Biblioteca, o próximo 24 de outubro.

Haberá dúas categorías: a primeira, de 6 a 9 anos, mentres que a segunda irá dos 10 aos 12. Os debuxos poden presentarse ben nas propias bibliotecas ubicadas nas urbes (ou no enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal) do 1 ao 30 de abril.