Raz SurfCamp, en Razo, no munipio de Carballo, é unha das empresas que se beneficiou do programa Galicia Exporta Dixital da Xunta // O obxectivo desta iniciativa é lograr captar novos clientes máis alá das fronteiras galegas TEXTO C. Estévez

Dixitalización: a fórmula do mundo actual para expandirse

Dixitalización
Claudina Estévez
Francisco Conde, terceiro pola esquerda, e Gonzalo Trenor, quinto, durante a visita ás instalacións de Raz SurfCamp. Foto: Xunta de Galicia

Co programa Galicia Exporta Dixital a Xunta de Galicia quere axudar ás pemes e autónomos galegos na súa expansión internacional a través das novas canles de comercialización dixital. Precisamente este venres o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, quixo salientar o apoio que presta dita iniciativa ás pemes galegas á hora de captar novos clientes máis alá das nosas fronteiras.

Conde visitou a praia de Razo, en Carballo, e en concreto as instalacións de Raz SurfCamp que, grazas a esta liña de axudas do Goberno galego, puido reforzar o seu posicionamento web para abrirse ao mercado internacional. “Unha pequena empresa que sabe que a través das novas tecnoloxías e da internacionalización pode medrar e consolidar o seu proxecto”, dixo, que xa alcanza países como Francia, Reino Unido ou Italia, “facendo de Razo, Carballo e Galicia un referente no mundo do surf”, engadiu. Nas edicións xa celebradas deste programa do Igape, son 12,4 millóns de euros os que leva destinado a apoiar 357 proxectos de firmas como Raz SurfCamp.

Na provincia da Coruña beneficiáronse desta liña de axudas 119 pemes e autónomos cun investimento que ascende a 4,2 millóns de euros. E, concretamente, no concello de Carballo son dúas as empresas que se acolleron a estes apoios por valor de máis de 40.000 euros en total.

Ademais de Raz SurfCamp, tamén se beneficiou das mencionadas axudas Cafés Lúa para introducirse no mercado portugués.

Conde afirmou que as pemes e autónomos galegos son cada vez máis conscientes do potencial que teñen as novas tecnoloxías e o comercio online para poder abrirse mercado noutros países. E puxo como proba os datos de exportacións, posto que Galicia segue en cifras récord con 10.372 millóns de euros, un 22,6 % máis que no mesmo período de 2021. Un 37 % das empresas galegas e case o 50 % das exportacións realízanse dende a provincia da Coruña, con 2.051 empresas exportadoras no que vai de ano e 5.730 millóns de euros en vendas ao exterior, un 56,6 % máis que ata maio de 2021.

A convocatoria deste ano 2022 pechaba o prazo no mes de maio tras recibir solicitudes de 240 pemes e autónomos galegos para impulsar plans de internacionalización en máis de oitenta países. Unha clara mostra da aceptación deste programa na Comunidade.

Os apoios da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, permitirán aos beneficiarios acometer actuacións de consultoría, como diagnóstico de potencial exportador dixital, plans de internacionalización dixital multicanle, plans de mercados electrónicos concretos ou a cobertura de gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital. Tamén permite adquirir software relacionado con solucións tecnolóxicas para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais, programación a medida, solucións de analítica ou intelixencia automatizada, así como de inbound márquetin ou mesmo crear e adaptar tendas online.

Con esta liña preténdese apoiar a transformación dixital do tecido empresarial galego para favorecer o aforro de recursos.