Tenta descubrir á rapazada a marabillosa estación de Bouza Badín // O grupo arqueóloxico está formado por 14 paneis, explicados con moita precisión na publicación //Animan a divulgalo nos centros educativos por ser didáctico TEXTO M. Boo

Dodro leva a arte rupestre a un libro do Colectivo A Rula

Petroglifo
M. Boo
Portada da publicación baseada no traballo do Colectivo A Rula

Diante de numerosos veciños e persoas interesadas no patrimonio rupestre de Dodro presentouse o libro titulado Os xinetes de Bouza Badín. Arte rupestre do Concello de Dodro. O acto contou coa presenza do deputado provincial Xosé Luís Penas Corral, delegado de Contratación, Patrimonio Provincial e Equipamento, que acudiu en representación do organismo que financiou a actuación de recuperación e sinalización da estación arqueolóxica de Bouza Badín e da impresión do libro. Tamén estivo Pablo Sanmartín, de A Rula, que se encargou da maquetación, fotogrametría e calcos dixitais cos que se fixo a publicación; a arqueóloga directora da intervención, Nerea Vilariño; o alcalde de Dodro, Xabier Castro; e o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Xoán Xosé Vicente Franco, que fixo a presentación.

Con esta publicación, O Concello de Dodro pretende dar visibilidade ao extraordinario traballo do Colectivo A Rula, que estudou durante varios días os catorce paneis que forman esta estación arqueolóxica moito antes de que a Deputación de A Coruña decidira o estudo, posta en valor e sinalización dos mesmos.

Pablo Sanmartín, do Colectivo a Rula, dixo que “este libro pode ser unha moi boa guía para a visita aos petróglifos porque se explica con moita precisión cada panel e fai mais sinxela a interpretación dos motivos rupestres. Ten que ser unha publicación que se difunda entre as escolas do concello para que os nenos descubran a marabillosa estación de Bouza Badín.”

Penas Corral, pola súa banda, dixo que a Deputación da Coruña está disposta a seguir apoiando ó Concello de Dodro na súa teima pola difusión e conservación do patrimonio ante a nula colaboración de outras entidades como a Xunta.

LIMPEZA. Nerea Vilariño, de Árbore Arqueoloxía, fixo unha breve exposición dos traballos feitos recentemente na estación arqueolóxica, destacando a limpeza con métodos manuais e a sinalización que se vai realizar en días vindeiros.

Pola súa banda, o concelleiro Xoán Xosé Vicente Franco afirmou que dende o goberno de Dodro “cremos, e estamos convencidos, que a conservación e divulgación do noso patrimonio cultural é unha maneira de supervivencia da nosa identidade como pobo, e por iso mesmo queremos que as xeracións vindeiras non esquezan o seu rico patrimonio cultural e en concreto este lugar, polo que este libriño servirá para divulgalo entre as escolas, o CRA, o CPI, a biblioteca de Dodro e o resto de entidades públicas e privadas de Galicia”.

Pechou a presentación o alcalde de Dodro, Xabier Castro, remarcando o compromiso político deste goberno municipal de seguir apoiando no Concello o patrimonio local, “porque é un valor que nos pon no mapa e axuda a un maior coñecemento do noso pobo”.

Despois do acto de presentación do libro, fíxose unha visita aos petróglifos onde se puideron ver os traballos realizados por parte de Árbore Arqueoloxía.