Unha rehabilitación integral coa que se mellorará a eficiencia enerxética do instituto muradá // A Xunta investiu en obras nos centros de Barbanza máis de 8,3 millóns de euros TEXTO María Cano

Educación licita as obras coas que porá a punto Fontexería

Educación
María Cano
Román Rodríguez e a alcaldesa muradá no IES Fontexería. Foto: XdG

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reiterou este luns o compromiso da Xunta de Galicia con que a Comunidade galega siga sendo unha das que conta con maior investimento por alumno no ensino público. Fíxoo durante unha visita que realizou ao IES Plurilingüe Fontexería de Muros para presentar a reforma integral á que se someterá, a cal ascende a 1,4 millóns de euros.

Segundo informou o conselleiro, a intervención vén de ser licitada e contempla a mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da substitución da cuberta existente por panel de dobre chapa de aceiro con illante intermedio e a instalación de sistema de illamento térmico polo exterior. Así mesmo, o programa de necesidades inclúe cambiar a carpintería exterior por unha nova de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, a colocación de luminarias de alta eficiencia enerxética e mellorar as instalacións de calefacción.

A maiores, limparanse e pintaranse os paramentos verticais e teitos de todas as estancias do edificio principal, edificio de talleres e salón de actos, cambiaranse os falsos teitos en parte do instituto, reorganizaranse espazos no semisoto e acometeranse outros traballos complementarios. Estas obras enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para deseñar un novo modelo de centros postpandemia, que conta cun orzamento de 191 millóns.

Rodríguez tamén aproveitou a viaxe para comprobar o resultado da rehabilitación integral executada no CEIP Ramón de Artaza de Muros, na que se investiron algo máis de 800.000 €. Por unha parte, mellorouse a eficiencia enerxética do centro a través do illamento térmico polo exterior, cambiouse a cuberta e colocáronse novas fiestras, instalaron luminarias con tecnoloxía LED, equipos de regulación e detectores de presenza en zonas comúns e aseos. Por outra parte, reparáronse e pintáronse os paramentos interiores e reformouse a antiga casa do conserxe para ampliación do comedor. Neste momento, tal e como explicou o titular de Educación, faltan algúns remates, cuxa execución non interfire na actividade lectiva.

“Un investimento de 86,5 millóns se se teñen en conta o conxunto de obras de mellora en centros escolares executadas, recibidas ou licitadas neste ano”, destacou Román Rodríguez na vila muradá, especificando que só en centros da comarca do Barbanza o investimento en obras realizadas e comprometidas ascende a máis de 8,3 millón de euros para un total de 40 actuacións.