No marco do Plan Ames Progresa vaise construír unha senda peonil entre os lugares de Lapido e Maguxe, en Ortoño // Está en fase de licitación a creación dunha pista de skate e a mellora da piscina descuberta no Milladoiro TEXTO C. Estévez

En marcha os proxectos para dinamizar a economía amesá

Obras
Claudina Estévez
Varias persoas nadan nas piscinas do Milladoiro. Foto: C. Ames

Baixo a denominación de Plan Ames Progresa, o Concello amesán busca impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, da cultura, da hostalaría, o patrimonio municipal e o emprego público. En concreto están incluídos cinco proxectos de obras e novas instalacións e servizos por valor de 3.503.732 euros, dos cales un está adxudicado, once en fase de licitación/tramitación e trece pendentes de iniciar a tramitación ou licitación.

O proxecto que foi adxudicado é a construción dunha senda peonil entre os lugares de Lapido e Maguxe, na parroquia de Ortoño. O plan foille concedido á empresa Mantido SL por un importe de 201.060,18 euros, IVE incluído. A través deste proxecto mellorarase a comunicación entre núcleos, así como a drenaxe e o mantemento do camiño. Dita iniciativa recolle a execución de dous treitos de senda de formigón a ambas marxes do tramo, de 950 e 230 metros de lonxitude.

O alcalde, Blas García, explica que este plan conta “co apoio de toda a corporación municipal, como non podía ser doutro xeito, porque é prioritario para dinamizar a economía amesá”. Tamén permitirá mellorar infraestruturas existentes e dotar de novos equipamentos ao concello. En obras e diversos servizos vanse investir tres millóns e medio de euros que xa se comezaron a tramitar. “Algunhas desta obras vanse executar este ano e moitas outras ao longo de 2023”, sinalou.

En fase de licitación hai na actualidade once proxectos e servizos. Dentro da área de instalacións deportivas están as iniciativas para dotar de cuberta a canchas deportivas do Milladoiro (561.832,69 euros); o proxecto para facer unha pista de pádel no Milladoiro (48.000 euros); a creación dunha pista de skate tamén alí (40.000 euros) e a mellora da piscina municipal descuberta de dita urbe amesá (80.000 euros). Deste xeito, investiranse 730.000 euros en instalacións deportivas do Milladoiro.

Dentro da área de pavimentación de vías públicas están incluídos dous proxectos, un para o arranxo e pintado das rúas da urbanización Aldea Nova, que ten un orzamento base de licitación de 243.882,74 euros, e outro para a pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns, que ten un orzamento de 101.358,13 euros. No tocante á área de camiños veciñais hai tres proxectos en fase de licitación. Un é para o arranxo e mellora dos interiores e accesos ao Instrumento (Bugallido/Ortoño), que conta cun presuposto base de licitación de 201.615,04; o segundo para o adecentamento do acceso e interiores das Punxeiras, que supón un investimento de 175.148,95 euros; e o terceiro para a mellora da seguridade viaria no rural (actuación incluída nos orzamentos participativos de 2020) por 120.000 euros.

Na área de urbanismo está incluído o proxecto de melloras en asfaltados de pistas do rural por 50.000 euros; e na área de gasto de comedores escolares o proxecto para a creación da central de lavado dos comedores escolares de Ames, que ten un orzamento base de licitación que ascende a 150.000 euros.

Por outra banda, hai trece proxectos que están pendentes de iniciar a tramitación ou licitación. Ditas actuacións son, dentro da área de camiños veciñais, a obra de mellora dos camiños interiores do lugar de As Buceleiras (250.000 euros) ou a realización dunha senda peonil en varios tramos urbanos do Camiño de Santiago (200.000 euros), entre moitos outros.