A confraría de pescadores da vila vén de presentar o arquivo de fondos históricos documentais dixitalizados da entidade // Conta con 1.629 expedientes en 39.000 imaxes TEXTO M. Torres

En O Son preservan o legado mariñeiro e blindan o seu futuro

Mar
Marta Torres
A conselleira e o alcalde de Porto do Son na presentación. Foto: X. G.

Porto do Son Mariñeiro é un escaparate virtual orientado á posta en valor do patrimonio material e inmaterial da confraría de pescadores sonense, co que dá a coñecer o seu arquivo de fondos históricos documentais dixitalizados. Este venres foi presentado en sociedade, nun acto que contou coa participación da conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; o alcalde Luis Oujo e representantes da citada entidade mariñeira, entre eles o patrón maior e o secretario, Emilio Queiruga e Jesús Longueira, respectivamente.

A titular de Mar enxalzou o intenso traballo realizado polo pósito durante máis de dous anos para organizar, inventariar, catalogar e dixitalizar os seus fondos, poñendo a disposición do público xeral máis de 1.600 expedientes recollidos en 39.000 imaxes que permiten entender e coñecer a evolución da entidade e da propia vila sonense.

Rosa Quintana tamén subliñou que o resultado obtido “é froito da forte implicación social desta localidade na protección e conservación do seu legado e patrimonio mariñeiros para que poidan chegar intactos ás futuras xeracións”.

Así, esta iniciativa, desenvolvida no marco do Proxecto de recuperación e posta en valor dos fondos documentais da confraría baixo o paraugas do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) ría de Muros e Noia Costa Sostible, permitirá a transmisión dese legado de xeración en xeración e que tanto Porto do Son como Galicia avancen na protección do seu pasado, presente e futuro mariñeiros.

A conselleira eloxiou ademais o labor da confraría sonense pois concorda coa estratexia deseñada pola Xunta para protexer o seu legado mariñeiro mediante a elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030. Este documento, que se elaborará no marco dun convenio de colaboración asinado a comezos de mes entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación, permitirá deseñar accións para preservar o patrimonio e a cultura marítima da Comunidade e blindar o seu futuro.

historia A Confraría San Telmo de Porto do Son é un símbolo identificador da vila e da comarca, unha sinal de identidade dunha institución pesqueira que soubo superar os avatares do paso do tempo, adaptándose ás vicisitudes de cada época e trazando o rumbo da política pesqueira local. Desde 1923, cando se formalizou, o arquivo foi xerando a documentación que hoxe permite coñecer as orixes e a súa evolución.