A iniciativa organizada polo Concello fixo da cultura o centro de Ames// Nela aunáronse disciplinas como a maxia, a música ou os monólogos TEXTO Pedro Brea

Éxito rotundo dos Seráns de Tapia en xullo

actividades culturais
Pedro Brea
Imaxe da xornada adicada aos máis cativos, na que os contacontos foron protagonistas. Foto: Concello de Ames

O programa dos Seráns de Tapia, organizado pola concellaría de Cultura, presentábase a finais de xuño cunha extensa e variada programación. Este tiña dous obxectivos: revalorizar a contorna da Praia Fluvial e democratizar a cultura levándoa ao rural. Así pois, ao longo do mes de xullo, esta iniciativa acolleu a un total de 500 persoas, cun aforo limitado por actuación aos 70 espectadores, que se acadaron sempre.

O éxito da devandita actividade cultural, reside en potenciar un espazo privilexiado e nunha variada programación que abrangue dende público familiar, adulto e mocidade. Ademais, un dos factores claves foi o tempo, xa que xoves tras xoves tivo clemencia e respectou aos diferentes espectáculos que se celebraron ao longo do desapracible mes.

Doutra banda e, quizais, un dos factores máis transcendetais para a gran acollida que esta recibiu, foi o gran repertorio de idades que as actuacións de cada xoves incluían, dado que ao longo do mes a Praia Fluvial de Tapia acolleu dende obras de comedia musical, da man do grupo Píscore e espectáculos de índole circense como o levado a cabo por Elena Vives e a súa obra A gata Xaponesa: As viaxes de Bowa. Ademais, a estas representacións uníronselle outras adicadas aos cativos e cativas, como a sesión de contacontos protagonizada pola Biblioteca Municipal de Ames e as súas narradoras Bibiana Calvo Ares e Divina Fernández Canosa. Por último e como era de esperar, a música tivo un papel predominante nos Seráns de Tapia e, nesta ocasión, foi da man do grupo Broken Peach. Así pois, dita iniciativa despide o mes de xullo para continuar ao longo de agosto e setembro.