Se eu fose alcaldesa ...

... “Faría un centro de formación profesional”

María Neira, profesora
Se eu fose alcaldesa
Pedro Brea

Residente no Milladoiro, solteira, que tres cousas faría en favor dos veciños?

Pois faría un camiño seguro para que os nenos do municipio puidesen ir ata os colexios e mais ás escolas apartados do tráfico e de xeito seguro. A maiores construiría un carril bici para que a cantidade tan grande de ciclistas que temos no concello e todos os que fan o Camiño de Santiago puidesen transitar sen a necesidade de verse envoltos no agobiante tráfico que ten a nosa vila. E por último, apostaría por facer centros de formación profesional para que os adolescentes non se viran obrigados a desprazarse ata Santiago para poder formarse nas diversas familias profesionais.

Que é o mellor de vivir no concello de Ames?

O mellor de vivir no Milladoiro é sen dúbida algunha a boa localización, xa que atópaste moi preto do centro de Santiago e contas con todos os servizos dunha gran cidade sen a necesidade de terte que desprazar a outras vilas, salvo para algunhas cousas concretas, como poden ser mercar roupa, ir ao cine ou demais aspectos ociosos.

E o que peor leva?

O que menos me gusta de residir aquí é a gran cantidade de zonas sen construír que aínda temos por toda a cidade. Afean moito e dan un aspecto desagradable á vila fronte ó turismo.