Os cociñeiros Rocío Garrido, Coque Fariña e Fran Jamardo elaboraron tres pratos salgados coa anguía como protagonista // Houbo guiños ás cociñas peruana e oriental e do norte de África // Tamén se degustou un postre TEXTO Claudina Estévez

Fin do Agosto Gastronómico de Valga cunha viaxe culinaria

Gastronomía
Claudina Estévez
Imaxe dos asistentes ao showcooking Universo Anguía celebrado esta semana. Foto: C. Valga

A segunda edición do Agosto Gastronómico, que se desenvolveu durante as últimas semanas con motivo da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, chegou o seu fin co cuarto e último showcooking que tivo como protagonista á anguía. Arredor dela xiraron os tres pratos salgados que presentaron os cociñeiros Rocío Garrido, Coque Fariña e Fran Jamardo, unha viaxe arredor do mundo explorando sabores e as posibilidades culinarias que ofrece este apreciado peixe.

Coa primeira receita, os asistentes achegáronse á gastronomía nikkei, que combina elementos das cociñas peruana e oriental. Tratouse dunha versión da Causa limeña, un dos pratos fríos máis emblemáticos da gastronomía do Perú, ao que se lle engadiu anguía e un prebe de inspiración asiática con soia, azucre moreno, salsa de peixe e de ostras.

A seguinte viaxe culinaria tivo como destino o norte de África, con anguía en salsa de cervexa negra reducida con cebola tostada e acompañada de cuscús. E, como último prato salgado da degustación, serviuse un mar e montaña que combinaba raxo de porco desmigado con anguía e varias verduras (cabaza, cenoria e cabaciña).

Para deixar un sabor doce entre a trintena de asistentes, os chefs despedíronse cun calleiro, unha sobremesa tradicional da Ría de Noia e Costa da Morte, adaptada con castañas e substituíndo o ron por caña tostada de Valga.

A maridaxe, como é habitual, correu a cargo de empresas do concello: un vermú de La Fabulosa e o viño Castellum Honesti da adega Torres Augusti.

As actividades do Agosto Gastronómico arrancaron o pasado 27 de xullo, co primeiro showcooking de título Destapa a anguía, no que se cociñaron en directo tapas creativas realizadas con este peixe. Aínda que estivo aberto á participación de todo tipo de público, esta proposta pensouse especialmente para os hostaleiros do municipio, para que puidesen captar novas ideas de cara á súa participación na Ruta de Tapas. Houbo outras tres demostracións os días 17 e 21 deste mes.

O Agosto Gastronómico tivo tamén parte da súa programación orientada aos nenos e aos mozos. Así, o 3 de agosto tivo lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera un obradoiro de cociña para cativos de entre 5 e 12 anos. Os minichefs descubriron que a anguía pode prepararse de múltiples formas e, algunhas delas, moi apetecibles para eles e cunha elaboración moi divertida e doada.

As actividades deste programa completáronse con dous concursos de fotografías e receitas. Os gañadores de ambos certames recibirán como premio un lote de produtos galegos valorado en 100 euros. Daranse a coñecer este sábado nos actos da XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. É dicir, no marco do día grande, que arrancará coa ruta de tapas e coa festa infantil no Parque Irmáns Dios Mosquera, e rematará con queimada, fogos de artificio, e concertos da man das orquestras Alkar e Panorama.