Finalizan o inventario das frores e prantas existentes na Carballeira de Caldas

O fin é coñecer a súa riqueza e promover a biodiversidade neste espazo natural que conta cunha especial protección como BIC
Biodiversidade
María Rendueles
O concelleiro Manuel González e o doutor Pedro Calaza comprobando a vexetación da zona Foto: Concello de Caldas

O Concello de Caldas completou estes días o primeiro inventario de plantas e flores da Carballeira de Caldas para coñecer a súa riqueza e promover a biodiversidade neste espazo natural que conta cunha especial protección como Ben de Interese Cultural e comoformación incluída no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. O inventario actualizarase periódicamente para coñecer a evolución nas diferentes estacións doano e será divulgado no propio espazo e nos centros educativos.

Despois de tres anos sen grandes concertos nin festas por mor da covid, a Carballeira mellorou ostensiblemente o seu estado, e xerouse de forma progresiva vexetación diversa que contribúe á descompactación do solo, á aparición de novas especies de insectos, reptís e aves que contribúen a enriquecer o ecosistema da Carballeira xunto ao río Umia e a mellorar o estado de saúde dos carballos centenarios de Caldas.

Un equipo interdisciplinar dirixido polo enxeñeiro agrónomo, Pedro Calaza, e no que colabora o Grupo Naturalista Hábitat, seguen estudando diferentes aspectos da Carballeira tal e como se propoñía no Plan Director das Árbores do Xardín Botánico, no que se establecía a redución das rozas indiscriminadas e continuas deste espazo singular. Calaza dirixe actualmente a Escola Galega da Paisaxe, tamén na súa calidade de doutor arquitecto da paisaxe.

Na última visita técnica realizada comprobouse que as zonas que foron obxecto de rozas recentes foron ocupadas por plantas exóticas invasoras, mentres que as que non foron obxecto de rozas teñen unha gran diversidade de plantas e flores que atraen aos polinizadores, conservan a humidade e redistribúen a auga e os nutrientes para os carballos.