A Xunta destina este ano máis de 6 millóns de euros a unha quincena de obras en centros educativos da comarca // No CEIP Cabada Vázquez da Estrada fixéronse cambios en parte das luminarias e na carpintería exterior TEXTO Claudina Estévez

Forte apoio para a mellora dos colexios do Deza e de Tabeirós

Centros educativos
Claudina Estévez
O conselleiro Román Rodríguez, esquerda, e o alcalde da Estrada, José López, visitando as instalacións do CEIP Cabada Vázquez. Foto: Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, anunciou este mércores que a Xunta de Galicia destina este ano máis de 6.000.000 de euros a unha quincena de obras en centros educativos das comarcas de Deza e Tabeirós. Fíxoo no marco dunha visita aos traballos que o Goberno galego acaba de acometer para mellorar a carpintería exterior e parte das luminarias do colexio CEIP Cabada Vázquez da Estrada.

No caso concreto do colexio Cabada Vázquez, a actuación, que xa finalizou, tivo por obxectivo renovar a carpintería exterior do centro, buscando unha mellora da eficiencia enerxética, seguridade e confort dos actuais cerramentos. Tamén se realizaron cambios na iluminación da planta primeira, substituíndo as luminarias actuais por paneis LED, incluíndo o cambio do falso teito da mesma planta. O orzamento da intervención acada case os 150.000 €.

No municipio da Estrada, ademais desta actuación, actualmente a Administración autonómica tamén traballa en distintas fases no colexio CEIP de Figueroa, no que, segundo indican dende o Goberno galego, se está levando a cabo unha reforma integral cun orzamento de 838.948,20 euros. No instituto IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez a Xunta vai investir un total de 2.000.000 de euros para ampliar os talleres de FP. A licitación será inminente, segundo indicou o conselleiro, e neste caso o proxecto foi redactado en común co Concello da Estrada. Trátase dunha ampliación que vai permitir que o alumnado de Formación Profesional dispoña dos espazos necesarios para completar a súa formación no propio instituto.

En execución están tamén os traballos no IES Manuel García Barros (81.092 €) e no IES Nº 1 (56.780 €).

No resto da comarca estase actuando nos institutos IES Cotobade de Cerdedo-Cotobade. Neste caso as obras están licitadas e contan cun orzamento de 57.062,88 euros. No IES Chano Piñeiro de Forcarei estanse cambiando as luminarias por un total de 56.780,65 euros, e no IES Ramón María Aller de Lalín, por un orzamento de 112.578,99 euros.

O IES Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda conta cun investimento de 96.201,26 euros para o desenvolvemento actual das obras. O colexio CEIP Xesús Golmar, o IES Ramón María Aller Ulloa, o auditorio e a Galiña Azul de Lalín teñen unha subvención de 1.300.000 euros para a substitución dos combustibles fósiles por biomasa forestal. É unha actuación que se materializará en colaboración co Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e que xa se probou con éxito na área de A Xunqueira, onde conflúen instalacións educativas e edificios públicos, lográndose un aforro en combustible dun 80 por cento. No IES Ramón María Aller Ulloa tamén se están substituíndo luminarias (112.578,99 €).

Asemade, acometéronse obras no CEIP Xoaquín Loriga de Lalín e nos CEIP Nosa Señora das Dores (490.987,88 €) e Soutelo de Montes (300.822,50 €) de Forcarei, para adecentar a fachada. Está previsto licitar novas intervencións nos vindeiros meses no colexio CEIP Pío Cabanillas Gallas de Dozón (200.000 euros) para actuar sobre as carpinterías, e no CEIP Ramón de Valenzuela de Silleda (380.000 €).

comarcas@elcorreogallego.es