Xunta e Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos asinaron en O Son o convenio polo que se redactará a nova guía de boas prácticas // Os traballos comezarán este ano cunha diagnose do estado actual das instalacións TEXTO M. Torres

Galicia aposta pola integración paisaxística dos seus 120 portos

Paisaxe
Marta Torres
Pola esquerda, Lenguas, Urcola, Quintana, Vázquez, Oujo e Barea, nun momento do acto celebrado onte no peirao sonense. Foto: Xunta de Galicia

A Xunta inicia a redacción dunha guía de boas prácticas para mellorar a integración paisaxística dos máis de 120 portos autonómicos.“Este proxecto responde ao obxectivo de fomentar a recuperación dos espazos degradados, poñer en valor e conservar as paisaxes rurais, urbanas, costeiras e de interior, é dicir, todas as paisaxes de Galicia, que son abundantes en cantidade e calidade”, explicou ao respecto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Fíxoo durante a firma do convenio de colaboración para a redacción deste manual con recomendacións, que está incluído no Plan estratéxico da paisaxe galega 2021-2024. Un acto que tivo lugar este mércores no concello de Porto do Son, no que participaron, ademais de Vázquez, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Enrique Urcola.

Así, o Instituto de Estudos do Territorio —dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda—, Portos de Galicia —Consellería do Mar— e o Colexio traballarán na redacción deste novo manual, unha guía de recomendacións básicas, para evitar o impacto na paisaxe das instalacións portuarias da Xunta de Galicia.

Segundo avanzaron, os traballos comezarán este mesmo ano cunha diagnose do estado actual das instalacións portuarias. A previsión é dispoñer deste documento, no que se investirá un orzamento de 40.000 euros, no ano 2022.

A conselleira do Mar subliñou que a integración entre as vilas e os portos é fundamental para o seu desenvolvemento e que nela deben terse en conta os aspectos paisaxísticos. Por iso, asegurou que esta guía “vai permitir adecuar e protexer os peiraos galegos para facelos máis atractivos tanto para os veciños e usuarios como para os visitantes”.

Con esta ferramenta, engadiu Rosa Quintana, “Galicia contará cunha diagnose e cunha proposta de como actuar para protexer todo o que os portos teñen de patrimonio e de paisaxe”. Este labor, salientou, contribuirá a mellorar a imaxe das áeras portuarias, a visión do sector e o seu atractivo patrimonial, etnográfico, turístico e cultural.

Ambas conselleiras coincidiron en que as instalacións portuarias deben ser “funcionais e prácticas” pola actividade que acollen, pero tamén se debe conservar a beleza da contorna, así como un equilibrio nas estruturas e infraestruturas.

“Apostar por unha integración paisaxística dos espazos portuarios é poñer en valor a excepcional paisaxe que conforman as dársenas e terreos anexos ou auxiliares, vinculados ás diferentes actividades —lonxas, talleres, almacéns, cafeterías, etc.— que se atopan no ámbito portuario e, en consecuencia, dar un pulo á calidade de servizos dos traballadores e usuarios”, aseguraron as representantes da Xunta.

Na sinatura do convenio tamén estiveron presentes o director do Instituto de Estudos do Territorio, Francisco Barea; a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo; o concelleiro de Medio Ambiente sonense, Manel Deán; e o patrón maior de Porto do Son e Portosín, Emilio Queiruga Santamaría e Isaac Gaciño Santos, respectivamente.