Foro. Rueda informou ós empresarios en Fisterra que se inxectarán 85,8 millóns de euros a través dos plans Camiña e Xacobeo Next Generation // Renovarase
o bono turístico e tamén o seguro coronavirus se fose necesario TEXTO M. Lavandeira

Galicia confía en que este sexa o ano grande do sector turístico

Turismo
El Correo Gallego
Cesáreo Pardal, primeiro pola esquerda, Gonzalo Trenor, José Marcote, Alfonso Rueda, Pablo Junceda e Jesús Picallo, en Fisterra. Foto: XdG

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmou no Foro Finisterrae a aposta do Goberno galego polo sector turístico con estímulos encamiñados a facer do 2022 o ano grande de Galicia da man do Xacobeo.

Nun encontro con empresarios, no que participaron tamén o alcalde de Fisterra, José Marcote; o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor; o director xeral de Sabadel Gallego, Pablo Junceda; o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pondal, e o vicepresidente do referido ente e presidente da Asociación Solpor, Jesús Picallo, o vicepresidente salientou a importancia dos fondos europeos para apuntalar a recuperación turística iniciada o ano pasado e informoulles das vantaxes para os seus negocios do Plan Xacobeo Next Generation, dotado con 39,2 millóns de euros, ou do Plan Camiña, que dun total de 46,6 millóns, conta cunha partida específica de 21,6 para o sector.

A Xunta puxo en marcha o Plan Camiña co obxectivo de seguir reactivando o sector con achegas directas para a adaptación dos seus negocios aos estándares de calidade que demanda o turismo do século XXI e para animar aos galegos a consumir na rede hoteleira e hostaleira da nosa comunidade. Ademais dos 21,6 millóns específicos para o tecido empresarial -para a mellora dos establecementos turísticos, o incremento da calidade, a aceleración de iniciativas turísticas e a formación e profesionalización do persoal-, o Plan Camiña destina 21,7 millóns a entidades locais e outros 3,3 para iniciativas encadradas no turismo de familia, para estratexias postas en marcha polas universidades galegas e para entidades sen ánimo de lucro.

A maiores, o tecido turístico galego poderá beneficiarse tamén do Plan Xacobeo Next Generation, que destina 22,7 millóns á posta en valor de 12 monumentos catalogados como Bens de Interese Cultural (BIC), ademais de 8,3 millóns para accións de cohesión en destino e 8,1 millóns máis para plans de sustentabilidade turística en destino. Rueda indicou que esas inversións no patrimonio e na posta en marcha de iniciativas turísticas sostibles e de calidade redundarán en beneficio do sector, tendo en conta que “o Camiño de Santiago e o Xacobeo son patrimonio de todos os galegos”.

Rueda recordou que a Xunta xa investiu o ano pasado 120 millóns de euros na recuperación do sector e que este ano seguirá na mesma liña, destinando axudas directas ao tecido empresarial e renovando campañas de éxito como a do bono turístico para reactivar o consumo.

Entre as iniciativas que tiveron mellor acollida o ano pasado e que van seguir vixentes este ano figura o seguro coronavirus, unha iniciativa pioneira e imitada por outras comunidades autónomas e que deu un plus de confianza aos turistas ante un posible contaxio da covid, xa que lles garantiza a cobertura de todos os gastos sanitarios. O seguro, no que se investiu un millón de euros, seguirá vixente ata o mes de maio. “Pero de ser necesario, prorrogarase -indicou Rueda-. Ogallá non faga falta e poidamos desfrutar do ano grande que Galicia merece”.

Tamén se vai renovar o bono turístico, unha iniciativa igualmente pioneira que permitiu mobilizar 7,7 millóns de euros.