A Deputación anuncia 36 grandes obras de seguridade viaria, das que vinte xa están en execución // Hai outros 41 proxectos xa redactados e pendentes de diversos trámites por parte dos concellos // O investimento final será de 48 millóns de euros TEXTO M. Boo

Guerra ás estradas provinciais de Pontevedra que sofren deterioro

Infraestruturas viarias
Manuel Boo
A estrada provincial Cuntis-Cequeril sufrirá unha importante transformación para arranxar o seu deterioro

A Rede Provincial de Estradas de Pontevedra, que está a experimentar unha profunda transformación dende o ano 2016 cun modelo de mobilidade segura e integral, vive neste 2022 un “ano histórico” no que se van realizar un total de 36 grandes obras de seguridade viaria cun investimento total de 14.075.896 euros e que chegan, entre outros, a concellos como Cuntis, Vila de Cruces, Silleda, Valga, Portas, Lalín, Caldas de Reis, Catoira ou A Estrada.

O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, fixo balance dunha planificación “seria, con rigor” e traballo man a man cos concellos para redactar decenas de proxectos: “Nunca antes a Deputación fixo tantas obras simultaneamente, nin dedicou tantos recursos; estamos a falar dun esforzo sen precedentes”, recalcou.

Das trinta e seis grandes actuacións en marcha, vinte están xa en execución e o resto están adxudicadas ou coa licitación iniciada, polo que o comezo é inminente. Agís destacou que este despregue sería imposible sen a sinerxía cos concellos da provincia nun proceso de diálogo continuo que se traduce na sinatura de convenios de colaboración e permite ir madurando as seguintes actuacións.

A día de hoxe hai outros 41 proxectos, valorados noutros 34 millóns, xa redactados e pendentes de que os concellos acrediten a titularidade dos terreos e completen as súas obrigas. “Polo tanto”, explicou Agís, “sumando os convenios asinados e os proxectos ‘vivos’, dispoñemos de 77 actuacións de seguridade viaria sobre a mesa, é dicir, 77 propostas de colaboración para traballar man a man na seguridade viaria nos centros urbanos, pobos e núcleos rurais nos concellos da provincia”. “Un paso importantísimo”, afirmou, “na transformación da rede provincial que reforza o papel pioneiro desta Deputación na transformación das vías de comunicación”.

Hai convenios previstos con Arbo, Sanxenxo, Gondomar, Redondela, Moaña, Barro, Cangas, Meaño, Meis, Cuntis, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, O Rosal, Tomiño, Vila de Cruces, Ribadumia, Silleda, Illa de Arousa, Dozón, Valga, Tomiño, As Neves, Tui, O Porriño, Marín, Rodeiro, Vilaboa, Fornelos de Montes, Portas, Lalín, Caldas de Reis, Ponte Caldelas, Forcarei, Catoira, Pazos de Borbén, Mos, A Estrada, Moraña, Oia, Mondariz, Bueu, A Cañiza, Caldas, O Grove e Nigrán.

CONVENIOS IDÉNTICOS. Gregorio Agís significou que a Deputación achega o 80%, o 70% ou o 60% en función de se os convenios prevén a execución de sendas peonís, a urbanización ou a reurbanización das vías. Tódolos convenios son “idénticos e con plena igualdade de condicións”, garantindo a transparencia e o impulso á seguridade viaria “goberne con goberne”. “Hai proxectos en case tódolos concellos da provincia . A seguridade viaria afecta a todo o mundo e de nada vale investir nas estradas dun concello concreto e desatender as do concello do lado, como fai a Xunta. Ninguén con rigor pode dicir que prime un signo político con respecto a outro, senón que priman criterios técnicos”. Unha política de Infraestruturas que, resaltou, foi obxecto de varios recoñecementos en congresos internacionais.