Impulsan a mellora das infraestruturas turísticas da comarca do Barbanza

A Xunta destinou a tal fin un investimento de máis de 125.000 euros // A igrexa de San Martín de Noia estrea iluminación
Turismo
María Cano
Pola esquerda, Gonzalo Trenor, Santiago Freire, Laura Salgado, Ana García e Beatriz Rosende, en Noia. Foto: ECG

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, visitou este martes a igrexa de San Martín, na que se levou a cabo a substitución do sistema de alumeado público ornamental, grazas a un investimento de máis de 11.000 euros que se inclúe dentro das axudas do Goberno galego para a mellora das infraestruturas turísticas dos municipios.

Durante a visita, Trenor tamén destacou outros investimentos da Xunta nesta localidade que contan co apoio do Executivo autónomico relacionados coa eficiencia enerxética e coa mellora da iluminación, como a instalación de paneis solares na piscina municipal, que contou cunha achega de 48.000 euros do Inega, ou a mellora da iluminación do Concello, que contará cunha axuda concedida polo Fondo de Compensación Ambiental da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, doutros 48.000 euros.

Concretamente, na comarca do Barbanza, según informou o delegado territorial, a Xunta apoiou o ano pasado seis actuacións que contaron cun investimento total de máis de 125.000 euros, nos concellos de Carnota, Noia, Outes, Porto do Son e Ribeira, así como na Mancomunidade Barbanza-Arousa.

Asemade, Gonzalo Trenor tamén lembrou que a Xunta abriu unha nova liña de axudas para actuacións de mellora en infraestruturas turísticas en concellos de menos de 10.000 habitantes, que xa rexistrou máis dun cento de solicitudes. Trátase dunha convocatoria de subvención dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros que ten como obxectivo seguir modernizando e dinamizando o sector turístico galego. O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro 18 de outubro.

Recalcou que con esta orde de axudas “buscamos seguir consolidando a oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística”. “Esta obra na igrexa é un bo exemplo do tipo de iniciativas que saen adiante con estes apoios”, subliñou o representante do Goberno galego.

A través desta liña, a Xunta financiará integramente as actuacións dirixidas ao embelecemento de accesos aos recursos turísticos, instalación ou mellora da iluminación ornamental; creación ou acondicionamento de miradoiros paisaxísticos, sendeiros ou rutas; ou á eliminación de barreiras arquitectónicas, entre outras accións.

Cómpre destacar que esta orde de axudas forma parte do paquete de novas medidas de apoio ao sector turístico galego, dotado de case 16 millóns de euros para continuar a inxectar liquidez nesta área.