A partir do outono dispensará medicación contra a hipertensión, as queimaduras e a diabetes // García Comesaña visitou o centro de saúde da Estrada, que recibiu un premio por contar co mellor equipo destes profesionais en España TEXTO C. Estévez

Impulso á enfermaría galega, que terá máis competencias

Centro de saúde
Claudina Estévez
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, segundo pola dereita, durante a súa visita ao centro de saúde da Estrada. Foto: Xunta

“Neste mesmo outono a enfermería galega xa vai poder dispensar medicación relacionada coa hipertensión, a diabetes ou as queimaduras, o que supón un paso máis no proceso no que Galicia sempre foi por diante, como é a potenciación da enfermería”. Estas foron as palabras do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha visita que realizou este luns ao centro de saúde do concello da Estrada.

O obxecto da mesma foi felicitar ao equipo de enfermería polo recoñecemento do Consello Xeral de Enfermería, “que os sitúa como a mellor enfermería de primaria de España”, e para pór en valor o papel deste colectivo nese eido asistencial.

Precisamente o número de probas que realizan estes profesionais, “espirometrías ou retinografías, xunto coa calidade da atención domiciliaria, son sinais de identidade deste centro de saúde”, remarcou o conselleiro. No acto, Comesaña, quen estivo acompañado pola directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Estrella López-Pardo, ademais de polo xefe de servizo do centro de saúde, Juan Sánchez, sinalou que o seu departamento está a traballar na posta a disposición do persoal de enfermería de protocolos “que permitan estender consultas de alta resolución a máis demandas sanitarias que se poidan resolver dende a enfermería”. Este é o caso do seguimento e control dos tratamentos anticoagulantes orais, que na localidade da Estrada xa se facía a través deste ámbito profesional, un modelo que, dende o ano pasado, se estendeu a toda Galicia.

En consecuencia, Sanidade quere pór a disposición deste colectivo, a partir do outono, “preto de corenta protocolos de enfermería avanzada que permitan a estes profesionais resolver, de forma autónoma, consultas sobre subas de tensión arterial, infeccións urinarias e outras demandas sanitarias comúns”. Esta medida compleméntase coa posta en marcha, por parte da Xunta, nos centros de saúde galegos, dun sistema de Xestión Integrada de Demanda en Equipo (XIDE), que xa funciona en máis de 50 centros, “e que potencia todas as categorías profesionais, posto que dirixe ao paciente directamente ao profesional máis axeitado para atendelo, evitando, deste modo, que todas as consultas teñan que pasar polo médico”. O conselleiro avoga pola concepción do traballo do centro de saúde como un labor en equipo, “que ten que ser multidisciplinar e coordinado, para dar a mellor asistencia ao paciente e para poder facer actuacións reais de mellora da saúde comunitaria”. O Sergas quere consolidar este modelo de traballo por medio dos Plans Locais de Saúde, que funcionan xa en 14 servizos de primaria, un deles o da Estrada, e que o Executivo galego quere ampliar a máis de 40 neste ano.

PREMIO. O pasado mes de xullo o ranquin do Monitor de Reputación Sanitaria e o Consello Xeral de Enfermería recoñecía ao centro de saúde da Estrada como o mellor de España en canto a servizo de enfermería. Facíase así con dito galardón, antepoñéndose ao de Fuensalida en Toledo e a El Greco de Madrid. Durante a pandemia converteuse en todo un referente grazas á súa atención primaria, unha dura época na que deron o cen por cen.