O Ministerio para a Transición Ecolóxica seleccionou iniciativas nos municipios de Brión, Carnota, Pobra do Caramiñal e Silleda // Valorouse a cohesión social e económica do territorio mediante a creación de emprego, o desenvolvemento do medio rural e tamén a loita contra a despoboamento TEXTO Javier Salutregui

Investimentos de case catro millóns en renovables na área de Santiago

Enerxías alternativas
Javier Salutregui
Imaxe dunha caldeira que funciona mediante biogás, como algunha das iniciativas subvencionadas. Foto: Yuanda

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou o importante investimento de doce millones de euros para proxectos innovadores relacionados coa enerxía renovable, cinco deles para Área (incluindo dous en Silleda) por 3,7 millóns (31 % do total) . O anuncio fíxose tras coñecer a resolución do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O Ministerio, a través do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE), seleccionou as iniciativas por ser innovadoras no campo das enerxías renovables e centrarse na xeración de enerxía eléctrica e a produción de enerxía térmica mediante fontes renovables. Estes proxectos recibirán financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), destinado a fortalecer a cohesión económica na Unión Europea e a corrixir os seus desequilibrios.

As novas instalacións de fontes renovables contribuirán a reducir a emisión de gases contaminantes á atmósfera e a dependencia enerxética, á vez que xerarán e consolidarán a actividade e o emprego nos sectores económicos nos que se implanta, ademáis de estimular o desenvolvemento de novas tecnoloxías e modelos de negocio.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica elixiu iniciativas nos concellos da Coruña, A Pobra, Brión, Carnota, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Sada e Santiago. Valorou a cohesión social e económica do territorio mediante a creación de emprego, o desenvolvemento rural e a loita contra a despoboación.

A subdelegada explica que os proxectos coruñeses corresponden a dúas convocatorias: unha de xeración de enerxía renovable e outra de produción. En función dos concellos onde están localizados os proxectos, as achegas destinadas ás instalacións de xeración ascenden a 260.896,60 € en Santiago, 30.391,29 € na Coruña, 37.076 € na Pobra, 219.200 € en Carnota, 43.040 € en Ferrol e 21.520 € en Narón. O total dos investimentos é de 612.124,31 €.

Aínda que non aparecen o nome das empresas beneficiadas, sí son públicos os proxectos aos que se destinarán as achegas na área de Compostela. En A Pobra do Caramiñal os 37.076 € destinaranse a instalacións fotovoltaicas de autoconsumo sen almacenamento, cunha potencia estimada de 0,4620 megavatios. Por outra parte, en Carnota os 219.200 € empregaranse en instalacións eólicas de 0,1000 megavatios.

En canto ás instalacións de produción de enerxía térmica con fontes renovables, o proxecto de Culleredo contará cun investimento de 160.020 €, o de Brión 985.000 €, o de Sada 73.000 €, os proxectos da Coruña 1.172.870 € e 160.020 € respectivamente; os de Oleiros 79.8000 € e 214.572,40 €; e, por último, 97.126 € o de Santiago. En total, a contía dos investimentos neste ámbito ascende ata os 2.942.908 €.

Os proxectos beneficiados polas achegas son a biomasa destinada ás caldeiras para aplicación industrial de alta potencia, cunha potencia estimada de 5.000 megavatios, en Brión; e a xeotermia ou hidrotermia con abastecemento fotovoltaico para aplicación no sector servicios ou industrial, en Santiago, cunha potencia estimada de 200 megavatios.

E non hai que esquecer outros dous en Silleda (xa na provincia de Pontevedra) por 2,2 millóns para producir enerxía a partir do biogás.

As achegas na área de Compostela, sumando os proxectos de instalacións de xeración e produción, son de 3,7 millóns. Contando tamén Santiago, superaría os catro millóns de euros e convertiríase na primeira zona de influencia con máis financiación. A segunda sería a de Lugo, con 1.933.182 € millóns, e logo Coruña (Oleiros, Sada e Culleredo) cun total de 1.891.173,69 €, aínda que en solitario a cidade herculina xa obtería 1.593.786,60 €. Por contra, a comarca de Ferrolterra (Ferrol e Narón) apenas sumaría 64.560 € para que poidan levar a cabo os seus proxectos innovadores en renovábeis, sendo a zona menos remunerada.