Galicia concedeu nos últimos cinco anos máis de 72 millóns de euros en axudas para mellorar as empresas de transformación de peixes e mariscos // Frigoríficos Palangre de Ribeira acondicionou unha nave cunha achega de 1,3 M€ TEXTO Marta Torres

Inxección económica para modernizar as pemes do mar

Axudas
Marta Torres
Á esquerda, Sampedro, Ruiz e Quintana durante a visita ás instalacións da empresa Frigoríficos del Palangre, este mércores en Ribeira. Foto: Xunta

A Xunta concedeu no período 2016-2021 máis de 72 millóns de euros en axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, co obxectivo de mellorar as instalacións das pemes de transformación de peixes e mariscos. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este mércores no concello de Ribeira a empresa Frigoríficos del Palangre, dedicada ao comercio ao por maior de produtos do mar que se beneficiou destas achegas. Durante o percorrido estivo acompañada polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz.

Con estas achegas, lembrou a titular de Mar, o Goberno galego subvenciona ata o 50 % dos investimentos que realicen estas empresas e sinalou que na convocatoria deste ano puxo a disposición deste sector 19 millóns de euros.

Son obxecto destas axudas, engadiu, as actuacións que contribúan a aforrar enerxía ou reducir o impacto no medio ambiente, que melloren a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo e que axuden á transformación de capturas de peixe comercial que non se poida destinar ao consumo humano. Tamén poden optar a estas subvencións os proxectos relacionados coa transformación de produtos de acuicultura ecolóxica, así como as que dean lugar a novos e mellores produtos, procesos e sistemas de xestión e organización, entre outros.

Un exemplo claro do que se pode realizar con estes apoios, subliñou Rosa Quintana, represéntao a empresa Frigoríficos del Palangre, á que a Xunta de Galicia lle concedeu unha achega de máis de 1,3 millóns de euros no marco da convocatoria do ano pasado para o acondicionamento dunha nave destinada a mellorar a liña de conxelación de especies pesqueiras peláxicas.

Trátase dunha achega plurianual a distribuír nas anualidades 2021 e 2022 e que está dirixida a acondicionar unha nave anexa á existente para desenvolver un novo sistema de xestión, organización e produción máis rendible e eficiente e que favoreza a calidade do produto final e reduza o consumo enerxético.

Estas melloras, segundo indicaron dende o Goberno autonómico, incluirán tamén unha única liña automatizada de conxelado rápido individual para 10.000 quilos/hora con postos de pesada e etiquetaxe, o que mellorará o control da trazabilidade. A maiores habilitaranse novos estantes para as cámaras de conxelado co fin de optimizar ao máximo o espazo interior e promover unha maior eficiencia enerxética.

A representante da Xunta lembrou que, ademais destas achegas, as empresas de transformación de produtos do mar recibiron preto de 6,2 millóns de euros para compensar a caída de ingresos entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da alerta sanitaria pola covid. Esta cifra correspóndese coa aprobación de 24 axudas e este tipo de apoios extraordinarios forman parte do plan Avantemar deseñado pola Xunta de Galicia para impulsar o sector marítimo-pesqueiro trala pandemia.

A titular de Mar aproveitou a súa viaxe a Ribeira para visitar a empresa A Poutada, situada a carón de Frigoríficos del Palangre sobre un local de 1.000 metros cadrados de superficie e dedicada ao subministro de efectos navais como anzois para as frotas pesqueiras de distintos países.