Os Orzamentos da Xunta para 2023 recollen unha partida de case dous millóns de euros para adiantar na súa reforma // Así o sinalou Ethel Vázquez nunha visita á localidade para supervisar as obras da nova rotonda da Barquiña TEXTO María Cano

Licitarán este ano a mellora na eficacia da depuradora noiesa

Infraestruturas hidráulicas
María Cano
Ethel Vázquez e o alcalde de Noia, á dereita, durante a supervisión das obras da nova rotonda. Foto: Xunta

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou este mércores que a Xunta licitará antes de finais de ano as obras de mellora da depuradora de augas residuais de Noia, cun investimento de 3 millóns. Indicou que os Orzamentos da Xunta para 2023 recollen unha partida de case 2 millóns para avanzar na reforma desa EDAR.

Así o adiantou este martes Vázquez Mourelle na vila noiesa coincidindo coa súa visita para supervisar as obras, iniciadas hai só uns días, da nova glorieta no cruce da Barquiña e da mellora da travesía na AC-550, ata a alameda. A conselleira quixo aproveitar o percorrido a pé de obra para afondar no compromiso do Goberno galego coas necesidades do municipio, reflexado no proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2023, ao que o Consello da Xunta deulle luz verde a pasada semana.

A este respecto, puxo en valor a vontade de apoio da Xunta a Noia, con especial dedicación á mellora das infraestruturas hidráulicas, que permitan mellorar os servizos aos veciños e avanzar para garantir a calidade das augas da ría.

Por unha banda, segundo explicou, consignan os recursos para avanzar nesa colaboración acordada co Concello para mellorar o abastecemento de auga, un investimento plurianual de 1,3 millóns de euros no 2024. E, por outra banda, engadiu que eses orzamentos recollen os investimentos necesarios para a reforma da depuradora e para resolver a súas deficiencias.

Ethel Vázquez precisou que os presupostos autonómicos para o vindeiro exercicio 2023 inclúen unha partida de case dous millóns de euros para a primeira fase da mellora do sistema de depuración das augas residuais de Noia. A titular de Infraestruturas e Mobilidade adiantou que esta actuación de reforma da estación, “prevese licitar xa antes de que remate este ano para poder iniciar as obras o antes posible”. Posteriormente, apuntou que vai ser necesaria unha ampliación.

Nesa vontade de apoio da Xunta co municipio, a conselleira tamén enmarcou a atención á demanda en Noia da reforma do cruce entre a estrada autonómica AC-550 e a vía provincial de acceso ao núcleo da Barquiña, onde hai ademais un hipermercado que xera moito movemento de vehículos.

Ethel Vázquez incidiu en que, asumindo o seu compromiso, a Xunta está a comezar estas obras para reforzar a seguridade viaria e a favorecer a mobilidade dos veciños deste municipio, coa construción dunha glorieta na citada intersección, que leva aparellada o acondicionamento da travesía da AC-550 nun treito de 1,3 km, ata a alameda de Noia.

Explicou que esta actuación, que conta cun prazo de execución de 10 meses, permitirá que a comezos do verán do vindeiro ano os veciños de Noia teñan á súa disposición esta nova glorieta no cruce da Barquiña; beirarrúas renovadas e un itinerario peonil accesible por unha das marxes da estrada autonómica AC-550, grazas a un investimento da Xunta de 1 ,1 millóns de euros.

A titular galega de Infraestruturas estivo acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, quen agradeceu á Xunta de Galicia “que aposte e que invista, unha vez máis, no noso municipio”.