A mostra forma parte das actividades impulsadas para que este oficio sexa recoñecido como Patrimonio Inmaterial // Poderá visitarse ata o vindeiro día 15

Losada exhibe en Porto do Son a cultura do marisqueo na ría

Exposiciones
Marta Torres
Pola esquerda, Luis Oujo, Pedro G. Losada e Isaac Gaciño, na apertura da exposición en Portosín. Foto: O.D.C.

A casa da cultura de Porto do Son acolle unha exposición de fotografías de Pedro G. Losada sobre a cultura do marisqueo. A colección está formada por unha vintena de imaxes de gran formato que permiten empaparse do traballo que homes e mulleres realizan dende hai décadas na ría noiesa.

O cámara de Losada recolle os esforzos, alegrías e compañerismo de “xeracións de mariscadores que deron forma a unha actividade que é moito máis que un oficio, e que está gravada na paisaxe e na cultura desta zona”, explicou o autor.

A mostra forma parte das actividades impulsadas para conseguir a declaración do marisqueo na ría de Muros-Noia como Patrimonio Inmaterial por parte da Unesco.

Así, os concellos de Noia, Muros, Outes e Porto do Son e as confrarías desta comarca aliáronse ao redor dese ambicioso obxectivo común. A Consellería do Mar aprobou o cofinanciamento do correspondente proxecto (en cuxa xestación tivo un papel protagonista o Galp Costa Sostible) a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

A exposición permanecerá a disposición do público sonense ata o vindeiro 15 de decembro. Os interesados poden visitala de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, e martes e venres de 17.30 a 19.30. Tamén abre os sábados, só en horario de mañá, de 11.00 a 13.00 horas.