Luz verde á construción da nova depuradora de Urdilde

Cunha inversión de preto dun millón de euros, foi aprobada por unanimidade do pleno // Tamén solicitarán a axuda para o PAI
Pleno Concello
María Rendueles
A unanimidade da Corporación foi a tónica na celebración do pleno ordinario no Concello de Rois Foto: C. R.

A Corporación de Rois acordou por unanimidade dos tres grupos políticos darlle conformidade ao proxecto de obra para a nova depuradora de Urdilde e solicitar unha subvención nominativa á Deputación para rehabilitar a vella escola unitaria de Urdilde para crear un Punto de Atención á Infancia que facilite a conciliación laboral e familiar. Ademais, tamén se aprobou a moción do BNG solicitándolle ao Goberno central e á Xunta pór en marcha medidas para frear a inflación ou mitigar as súas consecuencias na economía.

O proxecto para construír a nova depuradora de Urdilde, que suporá un investimento de arredor dun millón de euros, foi redactado por Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que tamén executará as obras. O convenio fora xa asinado polo alcalde, Ramón Tojo, e a conselleira Ethel Vázquez, o pasado 22 de decembro. Hoxe, por unanimidade, o pleno deulle a súa conformidade ao documento, para continuar cos trámites administrativos e poder iniciar as obras no segundo semestre deste ano.

Tamén por unanimidade se aprobou a proposta do equipo de goberno de solicitarlle á Deputación unha subvención nominativa de 80.000 euros para rehabilitar a vella escola unitaria de Urdilde e crear un Punto de Atención á Infancia (PAI) para nenos de 0 a 3 anos, facilitando así a conciliación familiar e laboral. O proxecto ascende a 102.000 euros, asumindo o Concello máis de 22.000. A petición faise para atender as necesidades da poboación da zona norte e porque as 38 prazas da escola infantil a Galiña Azul de Rois son insuficientes para atender a forte demanda.

Dende a oposición, aínda que votaron a favor, o BNG criticou que o goberno local rebaixe as expectativas en vez de ampliar a Galiña Azul propoña agora construír un PAI e o PSdeG considera que hai falta de compromiso de Política Social para ampliar as prazas da escola infantil. O alcalde, Ramón Tojo, sinalou que o Consorcio Galego de Benestar farase cargo do funcionamento e mantemento do PAI, e que se sigue negociando a construción dunha nova Galiña Azul para que haxa máis prazas.