A cita contou con mercado de artesanía, exposicións, xogos populares, música e degustacións // Durante o evento o Concello presentou o futuro Museo da Cultura e Tradicións da vila, que estará no multiúsos TEXTO Claudina Estévez

Máis dun milleiro de persoas na Festa do Rural de Frades

Festa
Claudina Estévez
Na I Festa do Rural de Frades non faltou unha exposición etnográfica. Foto: Concello de Frades

Máis dun milleiro de persoas participaron na primeira edición da Festa Rural, celebrada esta fin de semana na praza de Ponte Carreira, no municipio fradense. Un evento organizado polo Concello de Frades en colaboración coa asociación de veciños Rexente, a asociación da terceira idade de Frades, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

O alcalde da vila, Roberto Rey, amosou a súa satisfacción pola gran resposta da veciñanza e dos municipios veciños “que desfrutaron do mercado de artesanía, dunha mostra etnográfica que é o primeiro paso cara un ambicioso proxecto de crear o Museo da Cultura e Tradicións de Frades, da degustación ecolóxica da Casa Grande de Xanceda, a exposición de motos clásicas, xogos populares e moita, moita música. Sen esquecer a degustación de callos e o xantar popular, que reuniu a máis de 250 persoas”, indicou.

No mercado de artesanía participaron unha vintena de postos de cestos, coiro, madeira, xoiería, maquetas... Algúns destes artesáns, como o caso do cesteiro, fixeron demostracións en vivo da súa arte para desfrute dos asistentes. Outros, como o posto da Casa Grande de Xanceda (Mesía), fixeron degustacións de sobremesas ecolóxicas.

Un dos puntos máis concorridos, ademais das verbenas co Dúo Élite e a orquestra Salsarena, foi o tradicional Festival Folclórico, que este ano contou coa participación dos grupos Sarillo (Aiazo), Medorra con Troula (Galegos) e Carapaus (Santiago). Pola mañá do domingo, o grupo ordense Embruxo Gaiteiros protagonizou un pasarúas por Ponte Carreira. O Concello de Frades aproveitou tamén a I Festa do Rural para presentar en sociedade un proxecto que está a ultimar e que verá a luz nas próximas semanas: o Museo da Cultura e Tradicións de Frades (MUFRA), que sería unha ampliación do actual Museo de Apeiros de Labranza, emprazado no primeiro andar do edificio multiúsos local.

Coincide co proxecto de mellora da accesibilidade a estas instalacións, orzamentado en 59.950 euros e que está a licitar o Concello de Frades grazas a unha achega da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia. A colocación dun elevador eléctrico dará acceso ao primeiro andar do inmoble, onde se empraza o actual Museo de Apeiros de Labranza de Frades.

“Pretendemos inventariar, catalogar e tratar as pezas xa existentes no Museo de Apeiros de Labranza e completar a colección incorporando outros trebellos representativos da nosa cultura tradicional para evitar así a súa desaparición”, explicou Roberto Rey, quen apuntou que “coas pezas existentes e coas que achegue a veciñanza procuraremos sentar as bases dun museo activo que recolla e amose a herdanza que nos deixaron os nosos devanceiros. Deste xeito, poderemos poñer en valor a forma de vida e o traballo dos nosos predecesores e evitar o seu esquecemento”, sinalou o rexedor ao respecto.

Así, nas próximas semanas o Concello de Frades asinará un convenio de colaboración cun prestixioso historiador da contorna, que será a persoa encargada de liderar o proxecto. Un proxecto que se dividirá en seis seccións: arqueoloxía, etnografía, tecidos, tecnoloxía, a escola e música tradicional; ademais de tratar recoller elementos da cultura inmaterial de Frades: cancións, lendas, contos, refráns, ditos...

En definitiva, a primeira edición deste evento deixou moi bo sabor de boca a todos os asistentes, que desfrutaron dos postos de artesanía, da música, das actuacións, das exposicións e, por suposto, da parte máis gastronómica. Un festexo variado e para todas as idades.