Malestar no CPI de Vedra polo estado e averías duns buses que nin poden usar

As incidencias chegan sobre todo os xoves a dúas liñas // Atopan restos de comida no autocar // Reclaman puntualidade e medios
Transporte escolar
O.D. Vilar

A Asociación de Nais e Pais, ANPA A Boca, do colexio de Vedra continúa a denunciar “os problemas de seguridade e de puntualidade dos autobuses que realizan dúas liñas do transporte escolar do CPI de Vedra”, e que están a causar “unha enorme preocupación nas familias do alumnado do centro, que leva reclamando á Xunta de Galicia polas incidencias neste servizo desde o inicio do curso”.

Concretamente, o pasado xoves (cando adoitan producirse incidencias) dous dos vehículos non puideron saír do centro por non reunir as condicións: un porque expulsaba unha importante fumareda e o segundo por non contar con asentos suficientes para todos os rapaces. “Isto ocasionou que o alumnado chegase a casa con 45 e 15 minutos, respectivamente, de atraso sobre a hora prevista”, divulgan, lembrando que causou “un prexuízo maior para o alumnado de Secundaria, que non ten servizo de comedor, e chegou a casa sen xantar case ás 16.00 h.”, din.

Segundo pais e nais, “trátase dun exemplo máis das graves incidencias que se veñen producindo desde o primeiro día de curso, por parte da concesionaria destas liñas, Monbús, tanto na ida como na volta: retrasos, autobuses que non dispoñen de cinto de seguridade, vehículos avariados que deben ser substituídos, os interiores en condicións insalubres”, pola presencia de comida ou terra.

As familias, a través da ANPA do CPI, seguen a poñer reclamacións diariamente, “comunicando estes incumprimentos por parte de Monbús. Esiximos que a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, obrigue ao contratista á adecuada organización das liñas, vele pola calidade da prestación do servizo e tome as medidas que correspondan ante estes incumprimentos na execución do contrato”. A súa principal preocupación é a seguridade na que viaxan os alumnos que empregan o transporte escolar para acudir ao centro por un servizo público que cren “precarizado”.