Manteñen os socialistas o apoio ao Concello pero dubidan da súa xestión

Coa fin deste bipartito, o PSOE denuncia a falta de resposta e califícao como “estratexia partidista”
Crisis de Gobierno
Susana Martínez
Uxía Lemus, concelleira polo PSOE no bipartito. Foto: ECG

Santiago. O PSOE de Teo, o principal afectado pola rutura de goberno onde se expulsaron a catro concelleiros socialistas para a posterior retirada das súas áreas correspondentes, denuncia a falta de explicacións por parte do goberno municipal ao realizar tal acción. Sinalan que “dada a multiplicidade de asuntos fundamentais para este Concello, como a Casalonga, a unidade institucional é fundamental” e engaden que lamentan “a decisión de Rafael Sisto, vinculada ao que entendemos como unha estratexia partidista de escaso recorrido, antepoñendo intereses do seu grupo en contra dos intereses xerais da veciñanza”.

Ademais, sinalan que esta decisión realizouse nun momento onde, máis que nunca, a poboación do municipio demanda e precisa estabilidade.

Unha das concelleiras expulsadas da gobernanza, que ata agora, constituíu un bipartito entre o PSOE e Son de Teo, Uxía Lemus, sinala que “lamentamos profundamente esta decisión, que entendemos vinculada a cálculos electorais, que non á xestión dos nosos concelleiros.

Seguiremos a traballar desde a oposición como o fixemos ata agora, de forma “construtiva” e “coa institución e a veciñanza como principio máximo da nosa actuación.”

Ademais, nunha entrevista concedida ao programa da Cadena Ser, Hoy por hoy, a ex concelleira Lemus, afirmou que seguirán mostrando o seu apoio ao Concello como xa o fixeron previamente. Ante isto, sinala que “a actitude de pacto vai ser a mesma, non hai dúbida. Este partido o que quere é o mellor para o goberno municipal pero pon en cuestión a capacidade xestora do Concello xa que só contan con catro persoas en todas as áreas. Insistiu ademais, na necesidade de manter un goberno unido e lamentou “o espectáculo que está amosando este Concello” á vez que demandou a necesidade dun período de transición polo ben da veciñanza. ECG