Cas actuacións que financiaron a Xunta e o FEMP con 13 millóns modernizáronse equipamentos e avanzouse en aforro enerxético, trazabilidade e comercialización // Noia ampliou a lonxa de Testal // Nova orde de axudas por 7,4 millóns TEXTO F. R.

Mar apoiou no último lustro 348 proxectos de mellora nos portos

Portos
F.R.
NOIA. O alcalde de Noia, Santiago Freire, nunha imaxe de arquivo visitando a obra da lonxa de Testal. Foto: C.N.

A Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, apoiou con máis de 13 millóns de euros entre 2016 e 2021 distintas actuacións nos portos pesqueiros galegos para a modernización e mellora das infraestruturas vencelladas coa súa actividade, así como a subministración de equipamentos e servizos para optimizar a comercialización dos produtos do mar nas lonxas e portos.

En total puxéronse en marcha preto de 348 proxectos que contribuíron a mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro así como a conservación do peixe e do marisco, a súa trazabilidade, a selección ou a etiquetaxe.

Estes apoios, recollidos nun informe que analizou o Consello da Xunta, enmárcanse na estratexia de mellora constante dos portos pesqueiros, lugares de desembarque, lonxas e fondeadoiros da Comunidade.

As achegas permitiron o desenvolvemento de 294 proxectos ó abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que financiou o 75 % dos investimentos, e o Executivo galego o 25 % restante, e 54 realizados integramente con fondos da Xunta.

Estas accións supuxeron un investimento total de máis de 11,7 millóns de euros no caso das cofinanciadas co FEMP e máis de 1,3 millóns nas actuacións desenvolvidas unicamente co financiamento da Administración autonómica.

Moitas destas iniciativas puxéronse en marcha grazas ás convocatorias de axudas que realiza anualmente a Consellería do Mar coa fin de mellorar a calidade e incrementar o control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados, aumentar a eficiencia enerxética, contribuír á protección do medio ambiente e mellorar a seguridade e as condicións de traballo dos pescadores.

En canto á tipoloxía das accións desenvolvidas cos fondos europeos, a maior parte (preto de 250) correspondéronse coa subministración de equipamentos e bens para mellorar as instalacións e a súa eficiencia, 34 para a dotación de servizos nas lonxas (fundamentalmente melloras na comercialización a través das distintas canles, así como na emisión de documentos e nas xestións administrativas das lonxas e confrarías) e 14 relacionadas con obras para a modernización ou mellora das súas infraestruturas.

As achegas concedidas nos últimos exercicios para a mellora neste eido permitiron dotar ás confrarías de novos equipamentos, como sistemas de varada de embarcacións, guindastres, casetas desmontables para vestiarios das mariscadoras e mariscadores, colectores e equipamentos de limpeza para as lonxas ou produtores de xeo, entre outros. A maiores, tamén favoreceron actuacións en materia de eficiencia enerxética, como a modernización dos sistemas de iluminación interiores dos edificios, o aforro enerxético das instalacións de frío ou o uso de enerxías renovables mediante a instalación de paneis solares fotovoltaicos.

ESPAZO PARA VISITANTES. O informe analizado polo Consello da Xunta recolle algunhas das actuacións máis importantes realizadas neste eido, como a obra de mellora das condicións hixiénico-sanitarias e de ampliación para a creación dun espazo para visitantes da lonxa de Testal-Noia, cun investimento de preto de 584.000 euros; a mellora das instalacións de frío da lonxa de Cedeira, cun importe de máis de 500.000 euros; a compra dun túnel de lavado de caixas por 165.000 euros para a confraría de Camariñas ou a mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de frío da lonxa de Muxía, cun investimento de case 75.000 euros.

CONVOCATORIA. O documento tamén aborda a convocatoria para 2022 de axudas a proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas e dos lugares de desembarque para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente, da seguridade e das condicións de traballo e da calidade, control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca. A orde, que saíu publicada no Diario Oficial de Galicia do 31 de xaneiro, ten un orzamento de 7,4 millóns de euros e hai de prazo ata comezos de marzo para solicitar as axudas.

comarcas@elcorreogallego.es